Skip to main content
Barreiros

Barreiros creará dúas bibliotecas rurais nas parroquias do interior

Por 12 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Barreiros, a través do obradoiro de emprego que está a levar a cabo xunto co Concello de Ribadeo, vai poñer en marcha un novo proxecto de dinamización e promoción da lectura a través da creación ou adaptación de dous espazos públicos nos que a veciñanza poida desfrutar da lectura de forma activa, individual e/ou colectivamente.

O proxecto consistirá en acondicionar dous espazos en locais municipais existentes para dotalos dunha pequena biblioteca e do material necesario para poder levar a cabo actividades e proxectos relacionados coa lectura. Ao mesmo  tempo, realizarán unha campaña de doazón de libros entre a veciñanza para promover a reutilización dos mesmos.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que este proxecto “nace do convencemento da necesidade de dotar os locais que existen nas parroquias de vida e de actividades que permitan á veciñanza que vive en cada lugar contar con estruturas nas que socializar e realizar actividades colectivas.” Ana Ermida sinala que “se convirte en realidade unha idea na que levamos traballando desde o inicio do mandato e cuxa posta en marcha se complicou coa pandemia e as limitacións das xuntanzas, pero que por fin vai tomando forma e iniciándose dun xeito moi ilusionante.”

O concelleiro de dinamización, Dani García, agradece ao persoal da especialidade de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais do Obradoiro Vilas Coidadoras que traballen neste proxecto que “permitirá achegar a lectura e as actividades relacionadas aos núcleos máis afastados da biblioteca municipal, poñendo así a disposición da veciñanza o acceso á lectura dun xeito máis próximo e cómodo.”

García explicou que nestes días tamén se puxeron en contacto coas asociacións dos distintos lugares da zona interior do concello para darlles traslado do proxecto e contrastar o interese das mesmas por acollelo e colaborar no seu desenvolvemento; xa que “a idea é que sexan as propias asociacións as que, en coordinación co Concello, xestionen despois eses espazos, dotándoos de certa autonomía que permita adaptarse ás necesidades da veciñanza.”

Nesta primeira fase, na que se pretende valorar a acollida do proxecto, habilitaranse dous espazos deste tipo entre os lugares nos que se manifeste interese en contar con eles; atendendo a criterios de idoneidade dos espazos, poboacionais e territoriais. Porén, tal e como sinala o concelleiro, “esto trátase só do inicio dun proxecto co que pretendemos darlle vida aos locais existentes, poñéndoos en valor e evitando que permanezan pechados e sen actividades ou con actividades moi puntuais.”