Skip to main content
Burela

A traballadora social Maite Lanza únese ao proxecto do Partido Popular de Burela

Por 24 Marzo, 2023Sin comentarios

A traballadora social Maite Lanza únese ao proxecto do Partido Popular “para mellorar Burela”. O candidato á alcaldía, Manuel Rouco, agradécelle a súa implicación para reforzar o equipo que se presenta como “a única alternativa para o cambio”. Rouco destaca que “é unha excelente profesional do eido social e, o máis importante, unha muller comprometida co noso pobo e coa nosa xente que, como veciña de Burela, aposta por un cambio no goberno local e por iso se une a este serio, realista e ilusionante proxecto do Partido Popular”.

Maite Lanza explica, sobre a área á que está vinculada profesional e persoalmente, que “os servizos sociais son importantísimos para o benestar dos veciños de Burela e precisamos que sexan áxiles, eficaces e resolutivos, sobre todo, na época que estamos vivindo e na que necesitan un gran impulso. Os recursos sociosanitarios e asociativos tamén precisan dun reforzo tanto a nivel estrutural como económico porque non só con publicidade se pode medrar e saír adiante”.

Nese sentido, “o Partido Popular aposta por recursos residenciais para persoas vulnerables e en situación de emerxencia social, por un pobo inclusivo e accesible para todos, por unha reubicación dos servizos sociais municipais para garantir a intimidade dos usuarios e por un reforzo no Servizo de Axuda no Fogar complementado con servizos de fisioterapia e podoloxía a domicilio, con máis persoal e cunha  resolución inmediata das solicitudes dos usuarios. Nestes momentos, temos 58 persoas con distinto grao de dependencia recoñecida á espera, dende fai máis dun ano, de recibir o Servizo de Axuda no Fogar”.

Lanza, que coñece os servizos sociais por colaboración e coordinación profesional, gaba o labor dos seus profesionais “que son compañeiros meus dende fai moitos anos”.

UNHA TRABALLADORA SOCIAL MOI ACTIVA NA VIDA DE BURELA

Maite Lanza é veciña do barrio do Porto e defínese como “traballadora social de profesión e vocación”. Conta con 27 anos de experiencia no Centro de Drogodependencias de Burela e tamén desenvolve actividades de prevención. Colabora en varias asociacións da vila e confesa que lle gusta “participar nas actividades que se celebran en Burela ao longo de todo o ano”.