Skip to main content
Burela

O PP de Burela propón que o Concello asuma o servizo de madrugadores nos dous colexios

Por 29 Marzo, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Burela proporá no pleno previsto para este último xoves de marzo dúas iniciativas coas que “seguimos trasladando as necesidades dos nosos veciños e veciñas ao máximo órgano de representación do Concello”.

Coa primeira, relacionada coa conciliación familiar, os populares instan ao goberno local a que “asuma o servizo de madrugadores, tal e como se fai noutros concellos. E que se faga en ámbolos dous colexios de Burela, o CEIP Vista Alegre e o CEIP Virxe do Carme, o que suporía un claro alivio para os pais e nais que fan uso deste servizo”, segundo manifesta o voceiro e candidato do PP á alcaldía, Manuel Rouco.

A segunda vai encamiñada a dar resposta ás peticións dos veciños que teñen mascotas. Concretamente, os populares propoñen “a creación dunha área canina en Burela para que así estes membros máis da familia poidan desfrutar do aire libre con liberdade e seguridade”.

Con estas dúas iniciativas, o Grupo Municipal Popular volve ser a única formación política da corporación que, non só fiscaliza con rigor as accións do goberno local, senón que, ademais, leva ao pleno propostas claras para tratar de transformar a dinámica negativa na que nos ten sumidos o goberno socialista”, asegura Rouco.

O PSOE PROMETE AGORA O QUE NON FIXO EN 4 ANOS DE GOBERNO

Os populares lamentan que “o PSOE de Burela se acorde agora, xusto antes dunhas eleccións municipais, de escoitar á veciñanza e facer propostas para a nosa vila”. É dicir, “prometen agora o que non fixeron en catro anos de goberno nos que non foron capaces de mover investimentos para Burela, nin sequera co goberno amigo na Deputación”. O PP lembra que “o goberno do PSOE non foi capaz de cumprir as promesas electorais do 2019” e , polo tanto, cren que “a proposta continuista dos socialistas, porque é máis do mesmo, non ten ningunha credibilidade”.