Skip to main content
Burela

Amarte de Burela 2023 contará cos gañadores das edicións pasadas

Por 31 Marzo, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

O concelleiro de Cultura, José Díaz, traballa na organización da sétima e última edición de Amarte. Neste 2023 o certame non será en formato concurso, senón que Díaz convida a participar aos gañadores das edicións pasadas para que sexan eles os que pinten o último tramo do muro do peirao.

O edil burelés explicou que “estamos a empezar a preparar a sétima e última edición de Amarte e xa estamos a cambiar as bases para que non sexa esta vez en formato concurso, competindo os artistas seleccionados, senón que a idea é que os gañadores das seis edicións que houbo veñan todos e pinten nesta última. Imos ver se é posible, eu creo que ha de selo aínda que todos os que gañaron son artistas agora mesmo moi cotizados e con cachées/cachés importantes, pero creo que lles pode facer ilusión pintar na última edición de Amarte porque se acabaría coa que se desenvolva este ano durante a Feira do Bonito”.

Díaz lembrou que “nas seis edicións anteriores houbo cinco gañadores porque un repetiu, pero tamén tiraremos dos máis premiados en xeral, os que levaron segundos premios e primeiros a nivel local para con todos eles facer esa final. Quedan nove paneis e a idea é que pinten oito e deixar un último mural en branco, quizais para pintar algo conmemorativo de todo o que foi o certame ou buscar outra idea”.

O concelleiro de Cultura contou que “imos ver se se consegue porque eu creo que se é posible será espectacular ter aquí a muralistas da talla de David Catá, Diego As, Hipólito Xeada… Todos eles xuntos nunha última edición especial de Amarte pode ser algo espectacular e o resultado sen dúbida vaino a ser. Imos tentar desde logo e oxalá que, se non poden todos, moitos deles estean aquí. E para completar ata 8 pinturas convidaremos a artistas contrastados a nivel nacional ou a nivel galego e que todos leven o mesmo premio, a mesma cantidade económica, para que non haxa esa disputa como houbo outros anos, que evidentemente tivo o seu parte interesante pero neste momento para celebrar a última edición penso que o bonito é que non haxa competición e que todos expresen a súa obra da forma que queiran”.