Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo mellorará o local social do Burgo de Lieiro

Por 20 Marzo, 2023Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e as edís de Obras, e Cultura, Mali Méndez e Dolores García Caramés, respectivamente, mantiveron un encontro con varios membros da asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro, a petición deles, no que abordaron diferentes cuestións de relevancia para o desenvolvemento da parroquia.

O encontro tivo lugar no Local Social do burgo, e tamén contou coa presenza dos técnicos, porque un dos temas nos que se fixo maior fincapé foi no de mellorar estas instalacións, en concreto a cuberta e os accesos do local social “para o que xa adquirimos un compromiso con eles e xa estamos a traballar na redacción do proxecto”, precisou o alcalde.

Villares afondou en que esta actuación vai en consonancia coa liña argumental que vimos marcando desde o Goberno municipal, de favorecer o asociacionismo e o dinamismo nos diferentes burgos do Concello mantendo os locais públicos na mellor das condicións como lugares de encontro da veciñanza, para o seu uso e desfrute, e como epicentro das diferentes actividades lúdico, culturais e sociais que promoven ao longo do ano e que enchen de vida os diferentes recunchos do municipio.