Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo destinará máis de 300.000 euros para achegar a rede de saneamento á parroquia de Rúa

Por 21 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Cervo destinará máis de 300.000 euros (338.755 euros concretamente) para achegar a rede de saneamento á parroquia de Rúa.

O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Obras, Mali Méndez, mantiveron un encontro co presidente e co secretario da Comunidade de Montes, Benedicto García e Miguel Álvarez, respectivamente, e co alcalde pedáneo da zona, Ramón Elemparte, para trasladarlles os pormenores da actuación que se desenvolverá nos vindeiros meses, nesta primeira fase que abrangue desde o Lugar da Granda ata o lugar do Pazo, máis dun quilómetro de rede de saneamento que dará servizo ás vivendas da zona, ao campo de fútbol e ao futuro pavillón proxectado.

O orzamento inclúe a construción dunha nova depuradora nos terreos cedidos pola Comunidade de Montes, a que será a sétima do termo municipal que complementará a rede de saneamento municipal formada na actualidade polas plantas depuradoras de Figueirido, A Senra, a de Cervo, a de San Ciprián, a de Trasbar e a de Castelo.

A actuación, tal e como explicaron, contempla a implantación dun sistema separativo de augas residuais e pluviais, coa construción de cunetas de formigón para canalizar as augas aos cursos naturais existentes na contorna ou a través da súa condución por tubaxes. Tamén se prevé dotar dun sistema público de abastecemento de auga a toda esta zona e contémplase a renovación integral da vía que une os citados núcleos  de A Granda  e O Pazo, e tamén na súa prolongación ata o lugar de Lombos, “coa intención de seguir a traballar na creación de espazos cada vez máis humanizados, cómodos e accesibles para a veciñanza no noso termo municipal, neste caso na nosa zona rural”, explicou o rexedor.

Villares puxo de manifesto que se trata dunha actuación importante para a veciñanza desta parroquia, un primeiro paso que nos permitirá achegar esta infraestrutura esencial a toda a parroquia dotándoa dunha rede de saneamento necesaria para seguir a mellorar os servizos das nosas zonas rurais, neste caso da parroquia de Rúa.

Quixo engadir o alcalde  que “desde o noso equipo de goberno traballamos decididamente para que as inversións cheguen a cada recuncho do noso municipio”.