Skip to main content
Foz

Rematadas as obras de canalizacións da rúa focega de Curros Enríquez

Por 10 Marzo, 2023Marzo 11th, 2023Sin comentarios

Rematadas as novas canalizacións de saneamento de pluviais e fecais, telecomunicacións, subministro eléctrico e abastecemento de auga, os veciños da rúa Curros Enríquez xa dispoñen de acceso aos seus garaxes. Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto, que explica: “estamos a facer unha obra completa, con renovación de todos os servizos. Iso implica a apertura de zanxas e maiores incomodidades durante a execución das obras, pero tamén asegura que a rúa non teña problemas no futuro e dure no tempo” .

O rexedor municipal contrapón esta forma de proceder, que tamén se aplicou na rúa Costa do Castro, ao acontecido en obras do goberno anterior como a avenida da Mariña, “na que nin tan sequera se renovou o abastecemento -con tubaxes de chumbo- e na que o formigón do firme está completamente escachado a pesar do recente da actuación”.

Fran Cajoto informa que durante a construción das novas beirarrúas en Curros Enríquez faranse cortes puntuais aos garaxes. As novas beirarrúas contarán cun mínimo de 2 metros de ancho en todo o eixo entre a Glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana e “transformarán unha rúa inaccesible nunha avenida cómoda, segura, co tráfico calmado e que se transformará na mellor conexión peonil entre o casco urbano e a Rapadoira. Quizais a mellor rúa de Foz”.

O goberno municipal contempla a reserva de zonas de verdes de estacionamento só para residentes no entorno máis próximo da Praza de Galicia para facilitar a parada de vehículos, especialmente a aqueles veciños que non contan con garaxe. Neste sentido, o alcalde recorda que “as portas do Concello están sempre abertas para todo aquel que precise dunha maior información. Puiden atender persoalmente a unha comunidade de propietarios e a dous veciños particulares en relación coas acometidas das vivendas á rede de saneamento. A nosa intención é resolver os problemas que poidan xurdir da forma máis áxil posible para que a obra sexa completa e resolva os problemas que existen actualmente. Pedimos desculpas polas molestias causadas, seguimos traballando”.