Skip to main content
Foz

O Concello de Foz merca un tractor desbrozador para a limpeza de paseos e camiños municipais

Por 24 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Foz merca un tractor desbrozador para a limpeza de paseos e camiños municipais. O investimento final ascende a case 100.000 euros, financiados na súa totalidade con fondos municipais con cargo aos orzamentos do ano 2023.

O Concello de Foz vén de adxudicar a compra dun tractor con brazo desbrozador para a limpeza de paseos e camiños municipais. O alcalde, Fran Cajoto, explica: “precisamos mellorar o desbroce do paseo marítimo e dos camiños municipais en todas as parroquias. Hai moitos viarios estreitos en Foz que se nos facía moi complicado limpar: é por iso que optamos por un tractor frutero, que con pouco máis de 1,6 metros de anchura vainos permitir entrar en viais que eran inaccesibles e desbrozalos como procede”.

O tractor incorpora un brazo desbrozador cun alcance de 4,30 metros en horizontal, 5,50 metros en vertical e un ancho de corte de 1,20 metros. Ademais o adxudicatario ofertou a mellora que se propoñía no contrato: unha trituradora traseira cun ancho de corte de 2 metros, o que vai permitir segar dunha forma moito máis áxil distintas zonas verdes ou a plataforma de determinados camiños. “Trátase dunha máquina polivalente que nos vai permitir moitas actuacións. Co alcance que ten o brazo vainos imos poder empregalo no desbroce de calquera camiño e polas dimensións reducidas do tractor imos poder actuar onde antes non chegábamos. Era necesario”, comentou Fran Cajoto.

O alcalde desprazouse ás instalacións de Taller Empalme Villalba SL, que é o adxudicatario, para coñecer o novo equipo e indicou: “estamos pendentes de que o fabricante subministre o brazo desbrozador para poder recibir o tractor, que teremos en Foz nas vindeiras semanas.  Seguimos traballando”.