Skip to main content
Ribadeo

A mocidade de Ribadeo terá unha programación para a Semana Santa

Por 21 Marzo, 2023Sin comentarios

A Concellaría de Mocidade presentou a programación deseñada para a vindeira Semana Santa. Está destinada a mozas e mozos de 0 a 35 anos do 1 ao 5 de abril.

O 1 de abril desenvolverase un programa de actividades formativas e de ocio para celebrar o Día da Xuventude. Está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. No parque de San Francisco de 16 a 21 horas haberá gastronomía saudable, lecer educativo, punto de información, concienciación ambiental, igualdade de xénero, graffiti, habilidades para a empregabilidade e dinamización do entorno. Estas actividades, destinada a mozas e mozos de 12 a 35 anos, son de balde.

Os días 3, 4 e 5 de abril haberá un obradoiro tecnolóxico denominada Construímos unha smart city. Será na Casa da Xuventude de 11 a 13 horas para mozas e mozos a partir de nove anos. O curso é de balde e as prazas son limitadas.

Tamén do 3 ao 5 de abril terá lugar un torneo de xadrez nas instalacións da Escola de Música en horario de 11 a 13 horas. Esta actividade está dirixida a nenas e nenos a partir de seis anos. A participación é de balde e as prazas son limitadas.

Para o 3 de abril está programado un obradoiro de terrarios na Casa da Xuventude de 16:30 a 18:30 horas ao que poderán acudir nenas e nenos a partir de 8 anos. A participación é de balde e as prazas son limitadas.

O 4 de abril no parque de San Francisco haberá unha tarde lúdica de 16:30 a 19:30 horas con inchables, experiencia megajump, pista de skate, música, xogos e dinámicas de animación. Esta actividade será gratuíta.

E xa o 5 de abril no auditorio municipal Sarabela Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego porá en escena Asemblea Xeral. Será ás 17:30 horas. As rapazas e rapaces menores de 12 anos poderán entrar de balde. Para o resto do público o prezo será de 10 euros. Haberá tamén entrada reducida, ao prezo de 5 euros, para persoas desempregadas, xubiladas ou estudantes.