Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada embelecerá o acceso á ruta de sendeirismo da Fraga de Vilapena

Por 17 Marzo, 2023Marzo 18th, 2023Sin comentarios

O Concello de Trabada conseguiu unha nova subvención, nesta ocasión de 30.000 euros para o embelecemento do acceso á ruta de sendeirismo da Fraga de Vilapena.

Trátase dunha convocatoria de Turismo de Galicia de axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das súas infraestruturas turísticas.

A solicitude da subvención foi tramitada persoalmente pola concelleira Julia María Barcia, xa que era de novo unha convocatoria en réxime de concurrencia non competitiva, por orde de entrada, e o día que se abriu o prazo a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, estaba na comisión de despoboamento da Femp en Albacete.

“O goberno local é un equipo de xente preparada e o demostramos unha vez máis, persoas cos coñecementos necesarios para xestionar e tramitar proxectos e acadar obxectivos en beneficio da veciñanza”, asegura a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

A subvención permitirá poñer en valor un espazo moi transitado, tanto polos veciños da parroquia da Vilapena como polos visitantes e amantes do sendeirismo. É unha das cinco rutas que se poden facer no Concello de Trabada.

Estas rutas de sendeirismo son moi importantes, xa que contribúen a desestacionalizar o turismo e dinamizan a economía local.

Con esta actuación mellorarase un tramo dun quilómetro no acceso á ruta, xa que debido ás talas de madeira está en mal estado, e habilitarase unha zona de aparcadoiro.