Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada conseguiu medios para Protección Civil

Por 31 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Trabada conseguiu diferentes medios para Protección Civil e destaca o seu labor desde hai anos no municipio.

“Cando chegamos ao goberno municipal non había constituída unha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Dende a alcaldía impulsouse no ano 2016 a creación da mesma, no 2017 aprobamos o regulamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada e acadamos en primeiro lugar que se fixeran os cursos formativos para os voluntarios en Trabada”, lembra a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

“Dende o goberno municipal parecíanos importante contar cunha agrupación de voluntarios, a maioría dos concellos limítrofes contaban con ela e sempre tiñamos que pedir a súa colaboración, porque Protección Civil municipal garante a coordinación preventiva e operativa na protección das persoas e bens ante os danos producidos polas situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública”, engade a alcaldesa.

Protección Civil tamén actúa en todo tipo de emerxencias menores, mediante actuacións que permiten evitar as mesmas, reducir os seus efectos, reparar os danos, e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas das mesmas, e tamén colaboran nas diferentes actividades que se desenvolven no concello.

García Bermúdez explica que “nos anos 2017 e 2018 dende o concello solicitamos axudas á Xunta a través da convocatoria de subvencións para equipamentos de emerxencias aos Concellos para dotarnos dun todoterreo pick-up, pero denegáronnolas e non foi ata o 2019 que nos aprobaron a concesión deste vehículo, fundamental para que os voluntarios poidan desenvolver as súas funcións”.

No ano 2021, “tamén nos denegaron outra axuda que solicitamos para contar cun remolque ou cun esparexador de sal e o ano pasado concedéronnos, despois de solicitalo por segunda vez, un esparexador de sal”.

“Pouco a pouco, máis tarde do que nos gustaría, froito de promover a creación da agrupación de voluntarios, o Concello de Trabada conta con máis medios e reforzamos os servicios municipais, ademais do labor que fan os voluntarios con carácter altruísta estando sempre en disposición de colaborar non só en caso de urxencias e emerxencias, como sucede nos accidentes de tráfico ou incendios, se non tamén nas actividades que se desenvolven no Concello, polo que dende o goberno queremos facer un recoñecemento expreso aos voluntarios que da Agrupación”, remata a alcaldesa.

O Concello de Trabada colabora anualmente cunha subvención nominativa de 1.500 euros para gastos correntes da agrupación.