Skip to main content
Lugo

A praza de Santa María acolle mañá un concerto de Fillas de Cassandra

Por 29 Marzo, 2023Marzo 30th, 2023Sin comentarios

A praza de Santa María acolle mañá xoves día 30 de marzo ás 21.00 o concerto de Fillas de Cassandra. En caso de choiva o concerto celebrarase no auditorio da Facultade de Veterinaria.

MaríaSOA na voz, percursión e piano e Sara Faro na voz e percusión forman o dúo Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego.

Transcorrido pouco máis dun ano desde a súa formación, presentaron en febreiro de 2023 Acrópole, o seu primeiro traballo, que describen como un canto a todas as que foron feitas de olvido e un convite colectivo para reescribirmos a historia. Sempre desde unha ollada feminista e actual, os oito temas que presentan transitan da emotividade ao desenfado vibrante, sen esquecer o activismo.

A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, influenciadas polo pop, a electrónica e ata a música clásica.

O espectáculo que propoñen con este disco bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.

O piano e as diferentes percusións son apoiadas por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, non eclipsan nin as súas letras nin as súas voces, sempre nun primeiro plano.