Skip to main content
ES-LUGOXAPublirreportaje LUGOXA

Deputación e Concello de Lugo renovan a avenida Infanta Elena

Por 20 Marzo, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

A actuación dotou de máis comodidade e seguridade á principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo pola súa parte norte.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cumpriron co seu compromiso de ter rematadas e a disposición da veciñanza as obras de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena.

Estas actuacións impulsadas polo Concello e financiadas integramente pola institución provincial contaron cun investimento de 1 millón de euros e os traballos foron acometidos pola empresa Ovisa.

A actuación transformou a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo na súa parte norte, onde se concentra ademais unha gran actividade comercial e que comunica coa zona industrial do Ceao.

“Houbo unha transformación estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade por esta avenida” destacou o presidente

“Houbo unha transformación estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade por esta avenida. Conseguimos, en definitiva, unha mellora moi relevante en canto á mobilidade”, destacou o presidente da Deputación de Lugo.

“A mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio. De aí o compromiso da Deputación de Lugo para seguir mellorando as vías de comunicación da provincia”, sinalou Tomé Roca. Este proxecto, promovido polo Concello de Lugo e financiado integramente pola Deputación de Lugo, permitiu que o treito da avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N teña entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, mellorándose deste xeito a seguridade e comodidade de condutores e peóns, así como a fluidez do tráfico.

O compromiso da Deputación de Lugo coa mobilidade tradúcese nun esforzo económico moi importante, pois a institución lucense dedica a este eido un terzo do seu orzamento total, é dicir, en torno a 30 millóns de euros ao ano, para actuacións que se desenvolven de maneira directa ou en colaboración con outras administracións, como neste o caso co Concello de Lugo.

A comparación entre o estado desta zona e o resultado que se pode ver hoxe deixa claro que, para a Deputación e para o Concello, urbanizar é sinónimo de humanizar. A obra pon o acento en valores como a seguridade, a sustentabilidade e a recuperación de espazos públicos para a cidadanía.

A obra, na que a institución provincial investiu máis de 1 millón de euros é un exemplo máis da colaboración da Deputación cos 67 concellos da provincia, algo que «constitúe a mellor maneira de sacar adiante medidas de calado que benefician á xente», explicou José Tomé, quen ratificou o seu compromiso para apoiar desde a Deputación a execución dunha segunda fase destas obras e completar así o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena ata a rotonda do Ceao.

Cara un municipio máis verde, sostible e integrador 

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que o remate das obras da primeira fase de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena supón o remate a un arduo e complexo proceso que implicou a tramitación, por parte do Concello, da expropiación de 33 parcelas e a ocupación temporal doutras 32 e, polo tanto, a intermediación con 65 propietarios, cos que se chegou a acordos.

Neste senso, a rexedora destacou que grazas á colaboración entre a Deputación e a administración local fíxose posible este proxecto, moi importante para a veciñanza de Lugo, pois permitiu mellorar de maneira substancial a seguridade viaria e a accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas, transformando unha das arterias de comunicación máis importantes da cidade, ao tempo que se humaniza o espazo, en consonancia coa aposta do Concello «por un municipio máis verde, sostible e integrador·, explicou.

O proxecto

No tramo que vai do enlace da avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a avenida Paulo Fabio Máximo actuouse para que a vía de 11 metros de ancho, cun único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, adquirise un ancho de 30 metros.

Na marxe dereita ten dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda ten agora tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade.

Creáronse beirarrúas a ambas marxes de 4,05 metros cada unha, que contan con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 metros con céspede e arboredo. Dotouse tamén de alumeado.

Para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico, á altura da intersección coa avenida Paulo Fabio Máximo (antes regulada por semáforos), quedou instalada unha rotonda. Na marxe dereita, en sentido O Ceao, deuse continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada preexistente. Na marxe esquerda, deuse continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorienta Pualo Fabio Máximo – Glorieta 25N

A parte da vía entre as glorietas Paula Fabio Máximo e 25N xa estaba completamente urbanizada e contaba con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións coas que se dotou o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. O obxectivo do proxecto neste caso foi darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo.

Deste xeito, pasouse dos anteriores dous carrís por cada sentido a establecer, na marxe dereita, dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici en ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado.

Na marxe esquerda quedaron tres carrís de circulación, sentido centro da cidade. As beirarrúas quedaron como estaban, con 2,40 metros de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que sigue tendo 5 metros de ancho, pero acondicionada con árbores.

En canto á iluminación, agora é de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocáronse nun tramo que estaba sen iluminar (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituíronse as luminarias da parte restante (Paulo Fabio Máximo Glorieta 25N).

Carril Bici

O novo trazado do carril bici permite conectar coa parcela na que se sitúa o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o Concello de Lugo con fondos europeos e coa colaboración da Deputación de Lugo.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto incluíu os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo Glorieta 25N.