Skip to main content
ES-LUGOXAPublirreportaje LUGOXA

A Deputación creará 165 prazas de aparcamento gratuítas no Fogar de Santa María e renovará a rúa San Isidro Labrador

Por 24 Marzo, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

José Tomé Roca anunciou que as obras do entorno do Fogar de Santa María, nas que a institución provincial inviste medio millón de euros, están en fase de licitación e arrancarán na primavera

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentaron na explanada do Fogar de Santa María o proxecto co que a institución provincial creará 165 prazas de aparcamento gratuítas neste recinto. José Tomé anunciou que as obras, nas que a institución provincial inviste medio millón de euros, están en fase de licitación e arrancarán na primavera, polo que, tendo en conta que o prazo de execución é de catro meses, á volta do verán o espazo remodelado estará a disposición da cidadanía.

“Multiplicamos por catro a capacidade de estacionamento deste recinto, ofrecendo así un dos párkings gratuítos máis grandes de Lugo”

“Multiplicamos por catro a capacidade de estacionamento deste recinto, ofrecendo así un dos párkings gratuítos máis grandes de Lugo, situado en pleno centro da cidade, co que favorecerá a comodidade e facilitará enormemente a mobilidade”, subliñou o presidente, quen incidiu en que esta actuación “fará máis accesible, cómodo e humanizado” o entorno dos pavillóns de Santa María coa reordenación dos espazos, afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, execución dunha rede de pluviais, instalación de luminarias, e acondicionamento do acceso peonil entre as zonas superior e inferior do complexo.

Desta forma, as obras, asegurou, “mellorarán as condicións dos empregados públicos da Deputación que traballan aquí, pero, ó mesmo tempo, permitirannos ofrecer novos servizos á  toda a cidadanía, pois crearemos máis prazas de aparcamento, que poñeremos a disposición dos veciños e das veciñas de maneira totalmente gratuíta, fóra do horario laboral dos traballadores provinciais”.

Na presentación do proxecto acompañaron ao presidente e á alcaldesa a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández, e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.

Os traballos afectarán á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María. Entre as actuacións previstas, a responsable do proxecto explicou que se demolerá o pavimento actual, prepararase unha nova plataforma e nivelarase a zona próxima á fachada que alberga o servizo de Vías e Obras. Tamén está prevista a execución dunha rede de pluviais, coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Dotarase á zona de alumeado, actuarase sobre o firme co seu afirmado e a súa pavimentación, e humanizarase o espazo co axardinado. Acondicionarase o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e finalmente, sinalizarase.

“É certo que nos gustaría ter avanzado máis rápido, pero non foi posible por causas alleas á Deputación, senón motivadas polo cambio do contexto económico coa subida de prezos pola guerra en Ucraína”, explicou o mandatario provincial, quen detallou que foi necesario revisar o proxecto e actualizar custes, pasando dis 372.000€ iniciais ata os 465.000€, un 25% máis.

Neste sentido, apuntou que tanto as administracións como os representantes institucionais deben “cumprir coa palabra dada, e reaccionar con seriedade e sen estridencias ante as circunstancias imprevistas que xorden no camiño”. “E así o fixemos, con seriedade e rigor. Explicamos a situación, revisamos os prezos e volvemos a sacar a licitación as obras, queacometeremos unha vez adxudicadas”.

Informou de que, na segunda licitación que está en marcha, presentáronse tres empresas lucenses -Sanle SL, Grupo Bascuas e Ovisa Pavimentos y Obras SL-, e xa se celebrou a primeira mesa para abrir os sobres de documentación administrativa e a oferta técnica, que está en fase de valoración. Avanzou que na vindeira semana haberá unha nova reunión para realizar a apertura das ofertas económicas e, unha vez rematado este proceso, “a mesa de contratación fará unha proposta de adxudicación, seguidamente asinarase o contrato, farase a acta de replanteo e darán comezo as obras”. Recalcou o presidente que a reforma do entorno do Fogar de Santa María “súmase ó investimento de 1,7M€ que xa fixo a Deputación para a rehabilitación do pavillón 1 e 2”, polo que leva dedicado máis de 2,2M€ en total á mellora deste emblemático complexo.

O presidente destacou que este proxecto “é un novo resultado da liña de diálogo e colaboración tan frutífera que mantemos a Deputación e o Concello de Lugo”, e concorda “co modelo de cidade que impulsa a alcaldesa, Lara Méndez, e que compartimos e apoiamos desde a Deputación”. Así, asegurou que a mellora da mobilidade, a humanización de espazos públicos e a súa posta a disposición para o uso e desfrute da cidadanía, “en definitiva, un desenvolvemento sostible ó servizo das persoas, é un dos eixos centrais da nosa acción de Goberno”.

Así mesmo, subliñou que o futuro das cidades “constrúese con modelos claros de xestión, como está facendo a alcaldesa de Lugo, que o demostra cada día coa súa acción de Goberno”. “Na xestión municipal non valen as propostas xenéricas ou teóricas, que algúns pensan que se poden aplicar en todas partes, como unha fórmula matemática. Non valen ocorrencias deslavazadas, como lle pasa a algunha candidata, que pensa que é igual ser candidato en Mondoñedo ou na capital da provincia e, evidentemente, non é así”. Desta forma, o presidente comprometeuse a seguir colaborando coa alcaldesa e traballando “polo futuro de Lugo, cunha folla de ruta clara e pegada á realidade dos veciños e das veciñas”.

A rexedora agradeceu á Deputación Provincial a receptividade amosada para abrir á sociedade o estacionamento de Santa María recordando que existe un acordo plenario do pasado mandato para a apertura dos párkings das diferentes administracións públicas do municipio fóra do horario laboral. Un compromiso que a Xunta non cumpriu, e que hoxe si o fai a Deputación de Lugo “coa renovación deste espazo para abrilo aos cidadáns con todas as garantías de seguridade e comodidade como tamén fixemos desde o Concello no 2018, poñendo á disposición da cidadanía o aparcadoiro do Seminario polas tardes e as fins de semana, servizo que nos obrigou a articular un sistema para a vixilancia e a apertura e peche das instalacións e que acareou gastos como sucede con este estacionamento pero repercutiron nun aumento de prazas, neste caso de 40 a 165 que poñemos á disposición dos veciños e veciñas” apuntaba Méndez.

A alcaldesa recordou que desde o 2015 o Concello habilitou preto dun milleiro de prazas de aparcamento gratuítas e, nos últimos dous anos entre as habilitadas en dependencias municipais, as que se crearon nos 9 estacionamentos disuasorios e os xerados tanto no novo aparcadoiro do HULA como na contorna do Hospital, sumamos case un millar de novos estacionamentos na capital o que pon de manifesto “a sensibilidade para atender, con responsabilidade e con rigor, as demandas e necesidades da cidadanía” finalizaba.

Un investimento de 165.000€ para renovar a rúa San Isidro Labrador

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron o convenio de colaboración entre ambas administracións para a renovación e mellora da rúa San Isidro Labrador, no barrio lucense da Piringalla. Unha actuación financiada integramente pola institución provincial cun investimento de preto de 165.000€.

No acto tamén se presentou o proxecto técnico das obras, redactado pola Deputación e que consiste na reposición da práctica totalidade das beirarrúas, na pavimentación do firme, na renovación da sinalización, na instalación dun novo sistema de desaugue de pluviais e na substitución da rede de abastecemento actual, de fibrocemento, por tubaxes de fundición dúctil.

“Como sempre facemos na Deputación, anunciamos esta obra con feitos”, subliñou o presidente, pois, unha vez firmado o convenio de colaboración, co orzamento consignado e co proxecto feito, a institución licitará “de inmediato” os traballos para acometelos no verán e, con dous meses de prazo de execución, telos listos a principios de outono.

Con esta actuación, Deputación e Concello atenden unha petición veciñal, dentro do “diálogo e a colaboración permanente” que manteñen o presidente e a alcaldesa de Lugo “para mellorar os espazos públicos, a mobilidade, a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas deste barrio e de toda a cidade”, asegurou o mandatario provincial, quen lembrou que precisamente nesta zona a institución colaborou hai dous anos para acondicionar unha nova praza-xardín, coa cesión da Fonte das Lavandeiras, de Francisco Pérez Porto.

“Unha actuación para mellorar os espazos públicos, a mobilidade, a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas deste barrio e de toda a cidade”

“Actuacións que crean contornas urbanas máis agradables, que facilitan o paseo, a convivencia e a identidade como barrio, e que, ó mesmo tempo, favorecen a actividade económica, dado o perfil comercial e hostaleiro desta rúa e de toda esta zona”, sinalou.

No acto, que tivo lugar na confluencia entre a rúa San Isidro Labrador e a avenida da Coruña, acompañaron ao presidente e á alcaldesa o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández.

O proxecto contempla a retirada do firme e da práctica totalidade das beirarrúas existentes, a substitución da rede de abastecemento, que é de fibrocemento, por unha rede de tubaxes de fundición dúctil, a reposición das marxes para o paso dos peóns con loseta hidráulica, a colocación dun novo bordo e dun novo sistema de desaugue de pluviais, a repavimentación da calzada con aglomerado en quente e a sinalización, tanto horizontal como vertical.

O presidente subliñou que para seguir avanzando, “Lugo precisa proxectos coma este, que responde ás necesidades que nos plantexan os veciños, a un proxecto de desenvolvemento claro, e ó modelo de cidade que impulsa a Alcaldesa de Lugo, e que apoiamos dende a Deputación”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que con esta obra “damos resposta a unha demanda veciñal que me fixeron cando melloramos a rúa Manuel María, momento no que nos pediron un cambio de beirarrúas en San Isidro Labrador”, e engadiu que “quixemos ir más alá e renovar tamén a rede de abastecemento, en consonancia coas actuacións que estamos a desenvolver desde o Concello de cambio das tubaxes de fibrocemento polas de fundición, moito máis seguras, máis respectuosas co medio ambiente e que causan logo menos problemas no día a día da cidadanía”.

A rexedora agradeceu a sensibilidade da Deputación de Lugo para financiar esta obra, atendendo así as nosas demandas e necesidades, “e non como outras administracións onde non atopamos as portas abertas; ás veces parece que Lugo está illado por parte do Goberno galego”, comentou. Incidiu, así mesmo, en que “é unha obriga das Administracións traballar conxuntamente en favor da cidadanía ao marxe das cores políticas que gobernen en cada concello”.

Méndez lembrou que o Concello está a traballar na mellora de varias rúas na cidade nos distintos barrios para acadar “unha mellor calidade de vida da veciñanza”.