Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Invisten 1,2 millóns no cinto comarcal en Guntín, Palas, Cospeito ou Castro de Rei

Por 11 Marzo, 2023Marzo 13th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de obras por 1,2M€ no cinto comarcal de Lugo ó seu paso por  Guntín, Cospeito e Castro de Rei. Así o informou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Por unha banda, a institución provincial mellorará a LU-P-1611 á altura de Guntín cun investimento de practicamente un millón de euros. “Renovaremos o firme en 10,5 quilómetros, cun prazo de execución de dous meses. As obras consisten na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización”, explicou.

Entre o investimento dun millón de euros que aprobamos hoxe e o de 315.000€ que acordamos na Xunta de Goberno da semana pasada para a estrada LU-P-2901, entre Lugo, Palas e Guntín, superamos os 1,3M€ para actuacións en estradas provinciais de Guntín”, afirmou García Porto. Unhas obras que benefician á veciñanza deste concello porque que facilita a comunicación coa capitalidade da provincia, mellorando o acceso a servizos como o Hospital ou actividades administrativas.

Pilar García Porto destacou que, por outra banda, aínda que tamén no cinto comarcal,  se acordou “sacar a licitación unha obra por un importe de 165.000€ para a rehabilitación do firme nun tramo de case 3 quilómetros, á altura dos concellos de Cospeito e Castro de Rei”. Os traballos inclúen a limpeza de laterais e obras de drenaxe, así como a pavimentación en tres treitos: do punto quilométrico 2,450 ó 2,750; do 5,200 ó 6,500 e do 7,300 ó 8,600. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación por máis de 120.000€ dun contrato para a mellora dos cinco primeiros quilómetros da LU-P-0406, a estrada que une Martín, no concello de Baleira, e Crende, no municipio de Pol.

A maiores deste investimento, García Porto lembrou que para esta estrada a Deputación tamén destinou outros 129.000€ para arranxar os danos que sufriu esta calzada á altura do punto quilométrico 2,700 polas fortes choivas do mes de xaneiro. Polo tanto, entre as obras xa aprobadas e as licitadas hoxe, o orzamento nesta estrada chega ós 250.000€, recordou a voceira.

O PP ve “totalmente insuficientes” as obras aprobadas pola Deputación no cinto comarcal (LU-P 1611) e reclama melloras en todos os tramos deteriorados

“O goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, tardou en acordarse da necesidade de mellorar a estrada LU-P 1611, chamado o cinto comarcal de Lugo, a pesar de que o PP puxo este asunto riba da mesa en outubro do 2021”. Os populares alégranse con estas palabras de que, por fin, “se acometan melloras nesta importante vía provincial, pero avisan de que son totalmente insuficientes”.

O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Acabamos de coñecer que a xunta de goberno da Deputación aprobou unha obra, por case un millón de euros, para a mellora do cinto comarcal de Lugo, a estrada LU-P 1611. Por un lado, estamos contentos no PP porque se faga algo nesta vía tan importante, especialmente para os concellos da contorna da cidade de Lugo e para os veciños de Lugo, que tamén son usuarios desta estrada, pero hai que dicir que é totalmente insuficiente”.  Castiñeira lembra que “o PP pediu en outubro do 2021, nunha moción, o arranxo desta estrada, que ten máis de 130 quilómetros e que está moi mal, non só no Concello de Guntín, no que se van facer as obras, senón tamén noutros, como Friol e Begonte”. Aclara: “Por iso dicimos que é absolutamente insuficiente o acordado hoxe; no 2021, os alcaldes de Guntín, Begonte e Friol, debido ás queixas dos veciños, pediron unha reunión co presidente da Deputación de Lugo, que non quixo recibilos”.

Os populares piden “ao goberno da Deputación que teña máis en conta esta estrada e que a arranxe na súa totalidade”. Saben “que hai tramos que están en mellores condicións, como en Castroverde e Pol, porque se melloraron nalgún momento, pero  hai outros que necesitan reparacións e non se están a facer”.

Castiñeira destaca: “Xa vai ano e medio dende que presentamos a moción para a reparación do cinto comarcal; benvida sexa a mellora deste pequeno tramo en Guntín, pero o que queremos é que non se deixe sen amañar o resto dos tramos quen están mal, e concretamente en Friol, cuxo alcalde leva demandando a mellora desta vía dende hai moito tempo”.