Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

As denuncias por violencia machista aumentaron o ano pasado un 12,3 % respecto a 2021

Por 12 Marzo, 2023Sin comentarios

Pedíronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 1.882 ordes de protección, das que se concederon o 67,3 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) situouse en Galicia en 49,6, a segunda máis baixa do Estado.

Os xulgados galegos recibiron o ano pasado 7.029 denuncias por violencia de xénero, un 12,3 % máis que en 2021, cando se presentaron 6.259. A gran maioría (5.356) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre xaneiro e decembro contabilizáronse 6.926, fronte ás 6.219 de 2021, o que supón unha subida do 11,4 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 49,6, a segunda máis baixa do Estado -cuxa media foi de 72,9-, por detrás de Castela e León (46,8).

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron o ano en procesos de violencia de xénero 2.161 sentenzas, das cales 1.775, é dicir, o 82 %, foron condenatorias.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 25,5 % os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. En 2022 optaron por esta opción 351 mulleres, fronte ás 471 que o fixeron en 2021.

Ademais, o ano pasado solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 1.882 ordes e medidas de protección da vítima, un 5,5 % máis que en 2021, cando se demandaron 1.784. Delas, foron acordadas 1.267 (o 67,3 %). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 463 ordes de protección, das que se acordaron 301.

En 2022 os xulgados de menores axuizaron a doce persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, dos cales nove casos finalizaron con imposición de medidas.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xaneiro e decembro os órganos xudiciais galegos adoptaron 144 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, máis do dobre que en 2021, cando se adoptaron 70.

En total, o ano pasado rexistráronse 77 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 56 de 2021, é dicir, un 37,5 % máis.