Skip to main content

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Así, os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única dende hoxe, 21 de marzo, e ata o vindeiro 31 de maio, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras.

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 217 millóns de euros, dos cales uns 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior.

Así, o orzamento global desta convocatoria é superior ao das anteriores campañas grazas -entre outros- ao incremento impulsado polo Goberno galego nas axudas para agricultura ecolóxica, no marco das achegas agroambientais. Neste caso concreto, de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias aprobouse un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC, ao incrementarse anualmente en máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 (de 3,9 millóns de euros) e cun aumento do 183 % na dotación en relación co destinado no 2022 (3,18 millóns).

Ademais, tamén se incrementan as axudas para extensificación das explotacións gandeiras ata chegar aos 13,65 millóns de euros. Cabe recordar que esta liña de achegas tamén contén un complemento para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Por último, as achegas para os pagamentos a zonas con limitacións naturais sitúanse nuns 18 millóns de euros e as forestais nos 2,25 millóns de euros.

Cabe indicar que nesta campaña -ao igual que na anterior- os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

Así, prevese que uns 25.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

Novidades da campaña da PAC 2023

As principais novidades desta nova convocatoria da PAC con respecto ao período anterior son a introdución dos ecorreximes, compromisos anuais e voluntarios que implican que arredor do 25 % das axudas irán encamiñadas para un conxunto de prácticas beneficiosas para o medio ambiente, entre as que se inclúen o pastoreo extensivo, o mantemento dos pastos, a rotación de cultivos, a agricultura de conservación, as cubertas vexetais e as superficies destinadas á biodiversidade.

Tamén se inclúe un pago redistributivo, pago complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade para as primeiras hectáreas de cada explotación, destinada a favorecer a redistribución de axudas cara ás pequenas e medianas explotacións, na súa maioría de carácter familiar e profesional.

Así mesmo, tamén destacan as axudas específicas para os agricultores mozos e agricultoras mozas a través do pago complementario das axudas directas e os fondos destinados a impulsar a primeira instalación. Por último, outra das novidades reside en que as mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15 % adicional no complemento da axuda á renda que reciben os mozos e as mozas.

Enlace á orde no DOG.