Skip to main content

Efrén Castro destacou que “se amplía a contía nun 20% para reforzar o apoio ás entidades deportivas”. Os clubs poden solicitar as axudas do 20 ao 31 de marzo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo aumentou ata os 600.000 euros a partida destinada á liña de subvencións de concorrencia a clubs e entidades deportivas.

O deputado de Deportes Efrén Castro destacou que “a contía se amplía nun 20 por cento con respecto as últimas convocatorias, reforzando o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao tecido deportivo de base e afeccionado, para o que estas axudas que se convocan anualmente son fundamentais”.

O responsábel provincial sinalou que “este incremento traducirase no importe das axudas que reciben os clubs, en función dos criterios establecidos nas bases, “chegará a entidades de todas as comarcas e de todas as disciplinas” e valorou o “traballo que desenvolven, especialmente os clubs de base, facilitando o acceso ao deporte ao territorio e contribuindo ao dinamismo social dos seus concellos”.

O prazo de solicitude das axudas abre este luns 20 de marzo. Os clubs dispoñen de días hábiles – ata o 31 de marzo – para presentar a solicitude, dacordo cos formularios e as indicacións que se contemplan nas bases da convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia e dispoñible na web deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións e programas de axudas”.

Establécense dúas liñas de axuda:

– para actividade competitiva, con axudas entre os 500 e os 5.000 euros, que os clubs poden destinar a gastos en material deportivo, equipacións, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros
– para a organización de eventos, con axudas entre os 500 e os 2.000 euros, destinadas a financiar gastos derivados desas actividades

Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licenzas federativas e/ou equipos), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, dacordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia. Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes.

En 2022, máis de 225 clubs beneficiaronse desta liña de subvencións, que, co incremento deste ano, se consolidar como a de maior dotación económica de todas as que convoca anualmente a Deputación de Lugo.