Skip to main content
Baralla

A Deputación comeza as obras na estrada que conecta A Condomiña e Castrolanzán, en Baralla

Por 18 Marzo, 2023Marzo 19th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación do firme do tramo inicial da LU-P-0508, a estrada que conecta A Condomiña e Castrolanzán, no concello de Baralla. Son unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 160.000€ para actuar nos 2,5 primeiros quilómetros desta vía, fundamental para as comunicacións na montaña.

As actuacións consisten na limpeza dos laterais da estrada provincial, para poder comezar a continuación co estendido do aglomerado. Unha vez rematada a pavimentación, realizarase o pintado da estrada mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución destes traballos é de 4 semanas.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, sinalou que se trata dunha actuación moi importante porque a LU-P-0508 continúa desde Castrolanzán ata A Gasalla, na parroquia baleirense de Córneas. É a vía máis directa para chegar desde Lugo ao concello de Navia de Suarna, polo que soporta moito tráfico.

Ademais de dar acceso a varias parroquias, o mandatario provincial sinalou que esta estrada dá servizo a varios negocios da zona, como unha piscifactoría, unha casa de turismo rural, unha queixería ou unha empresa de construción. Apuntou ademais que é unha estrada moi empregada polos veciños e veciñas da zona para acceder ao río Neira.

José Tomé recalcou que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno” e detallou que desde a Deputación “defendemos a mobilidade como un dereito básico da cidadanía porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación, dinamizar a economía e a achegar os servizos”.