Skip to main content
Castroverde

Pablo Figueiras será o candidato do PP á Alcaldía de Castroverde

Por 13 Marzo, 2023Sin comentarios

Pablo Figueras será o candidato do Partido Popular de Castroverde para as vindeiras elección municipais de maio. Na súa presentación oficial como alcaldable, onde estivo acompañado pola presidenta provincial, Elena Candia e a representante do PPdeG, Ánxeles Vázquez, manifestou o compromiso de “impulsar proxectos que permitan crear postos de traballo, dar un mellor servizo ás persoas maiores, máis facilidades ás empresas que temos e ser os aliados do noso sector primario, que é do que vivides a maior parte dos veciños”.

Para este avogado de profesión e empresario moi vinculado coa hostalería local, “Castroverde ten que evolucionar máis, ten que ter tamén mellores prestacións e mellores comunicacións. Recursos para elo temos, pero falta esa persoa que sexa capaz de facelo realidade. Con total humildade considero que estou á altura”.

Neste senso, engadiu: “no PP demostramos que cando gobernamos a xestión é a principal característica que nos define. Apoiar nestes momento ás forzas de esquerda sería avalar gobernos como o de Pedro Sánchez ou o da Deputación de
Lugo que, pola vía dos feitos, demostraron e demostran cada día que non están á altura do que necesitan os concellos, do que necesita esta provincia e, moito menos, do que necesita este país”.

A presidenta provincial puxo en valor o paso dado polo candidato e tamén “a súa valía profesional e persoal”. “Ten unha solvencia detrás que o acredita para afirmar que ten o perfil idóneo para liderar o cambio neste municipio. Non me cabe a
menor dúbida de que os veciños valorarán que poñer a Pablo na alcaldía é garantir que este concello medre cualitativa e cuantitativamente”, destacou.

A este respecto, a líder provincial recoñeceu publicamente que “foi unha gran satisfacción cando aceptou a proposta que lle fixemos. Con Pablo gaña Castroverde e gaña o Partido Popular”, indicou. Elena Candia agradeceu tamén o traballo realizado polo grupo municipal. “Estar na oposición é duro; de aí que o labor que fan os nosos concelleiros e concelleiras e a xenerosidade política e persoal que demostran canda día sexa incalculable”, afirmou.

Ánxeles Vázquez demandou que Castroverde ten que ser “revitalizado” e para iso salientou que “Pablo aporta coñecemento e aposta por Castroverde demostrando que o seu pobo está por riba de todo”.