Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Dispoñemos dunha contorna privilexiada para a bicicleta de montaña”

Por 20 Marzo, 2023Marzo 21st, 2023Sin comentarios

Manuel Piñeiro e Marco López son os autores do libro ‘Rutas en bici de montaña polos arredores de Lugo’, unha completa guía sobre rutas de todos os niveis

Como nace a idea para a creación deste libro?

O inicio da primeira edición foi a raíz dun premio que gañáramos na revista Bike, unha revista de tirada nacional, que convocara un concurso de rutas en todas España e presentáramos unha de Lugo que quedara gañadora. Despois de aquelo pensamos que habería máis ruta que merecían a pena que se coñeceran e contactando coa Deputación decidiuse sacar cara adiante esa guía.

A Ruta dos Pescadores foi a ruta gañadora e publicada no número 207 da Revista Bike, ao ser premiada cun primeiro premio no concurso de rutas en bici de montaña convocado por esta mesma publicación.

A idea desta última revisión xurde da Deputación, volve a haber moito interese no mundo da bicicleta, que parece que está un pouco de moda, e pensamos en volver a editar a guía para promocionala.

Aínda que figuran tres autores, un deles é un amigo que faleceu e que consideramos que debía estar presente. Somos Manuel Piñeiro e eu os autores xunto con moita xente que colaborou.

Hai algunha diferenza coa edición anterior?

Practicamente todo, en rutas unicamente hai dúas que teñan mais ou menos o mesmo trazado e todas as demais son novas. Ademais esta edición trae moitas máis rutas que a anterior.

Que tipo de rutas podemos atopar?

Dentro desta guía podemos atopar uns 5 percorridos que consideramos de iniciación que suman un total de 159 quilómetros.

E despois xa falando de rutas máis longas e con diferentes niveis de dificultade podemos atopar 16 rutas que suman un total de 737 quilómetros. Hai algunhas que nos achegan a algúns puntos de interese como Penas de Rodas, Santa Eulalia de Bóveda, a Vía Romana XIX ou o Camiño Real de Friol entre outros.

Podemos atopar de diferentes nivel, dende algunhas máis sinxelas a outras mais complicadas, con distinta dificultade técnica e tamén con diferentes distancia dende os 20 ata 80 quilómetros. Estas rutas saen todas de Lugo e practicamente en todas as direccións, niso temos sorte porque dispoñemos dunha contorna privilexiada para a bicicleta de montaña, saias na dirección que saias hai sitios par ir en bicicleta, eu creo que Lugo niso é un privilexio.

Que información podemos atopar de cada ruta?

De todas as rutas podemos atopar un mapa co percorrido e unha pequena descrición. Ademais todas van acompañadas de imaxes e como novidade nesta edición todas van acompañadas dun código QR a través do cal se pode descargar o ficheiro para seguir a ruta cun gps.

Como é o proceso de recollida da información?

Pois principalmente son moitos anos de estar saíndo en bici por Lugo, de ter saído con outra xente que colaborou para ir seleccionando os percorridos máis interesantes, porque aquí o problema é que hai tanto onde escoller que as veces o difícil é intentar seleccionar un pouco.

Todo o contido nace da experiencia de moitos anos practicando a bicicleta de montaña.

Que é o máis difícil á hora de afrontar a publicación dun libro coma este?

O máis difícil quizais é pensar que trazados elixir, que ruta incluír, cales poden ser as máis interesantes. Pensar e adaptalas para que haxa de todos os niveis e tamén valorar que o entorno natural está sempre cambiando e é necesario ter isto en conta para non incluír tramos que non vaian ter moita duración no tempo. O máis difícil é o proceso de selección dos trazados entre toda a variedade que hai.

E a parte que máis se desfruta?

A parte que máis se desfruta é realizar as rutas y facer as fotos e as ilustracións, ao fin o cabo estás practicando un deporte que é o que che gusta e o final iso case non é traballo.

Como nace a súa vinculación coa bici de montaña?

Eu levo máis de vinte anos saíndo en bici, e Manuel Piñeiro tamén bastante tempo e ademais el nun modo máis semiprofesional, ten moita relación co mundo da bici e compite habitualmente.

Que consello lle daría a alguén que quere comezar neste mundo da bici de montaña?

Pensar que en Lugo temos moita sorte polo entorno no que estamos, non só pola cantidade senón tamén pola variedade e tan pronto estás seguindo un sendeiro de pescadores como un camiño de carros entre carballos, como vas ao lado do río ou por unha zona de roca viva.

Hai tal variedade de paisaxes e de camiños que seguir que animo a calquera que lle guste un pouco a bicicleta a que saia con ela porque o ten doado para desfrutar.

Cal é a súa preferida?

A verdade é que, se tivera que acompañar a alguén a facer só unha, tal vez elixiría as Fontes do Mera, pola mestura de paisaxes e o tipo de camiños que se percorren nela.