Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: San Miguel de Orbazai

Por 19 Marzo, 2023Marzo 20th, 2023Sin comentarios

San Miguel de Orbazai é unha das parroquias nas que está dividido o concello de Lugo. Situada moi preto da capital, esta parroquia conta cun total de 241 habitantes repartidos en dez núcleos de poboación que son O Cabalo, Cal de Peón, Xuxao, A Malladoira, Mera, Penarrubia, Taboelle, A Torre, As Illas e Orbazai. Este último, Orbazai, conta cun total de cincuenta habitantes sendo o núcleo máis poboado da parroquia, seguido moi de cerca por A Torre con 46 habitantes.

A igrexa parroquial de San Miguel de Orbazai, que xa aparece en referencias documentais dende o século X, é un exemplo de construción rural resultado de varias reformas ao longo do tempo. Conta cunha nave rectangular cuberta de madeira e lousa a dúas augas cunha porta principal e lateral dereitas con linteis.

A capela maior é cuadrangular cunha cuberta a catro augas e abovedada cun arco de medio punto. A sacristía está ás costas da capela maior e conta con dúas portas de acceso nos laterais do altar maior.

Dentro da igrexa podemos atopar un retablo maior de estilo neoclásico que ocupa todo o fondo da capela e ten seis columnas compostas do século XIX. Conta ademais cun sagrario de metal neogótico.

San Miguel de Orbazai garda tamén no seu interior un castro situado no núcleo de Penarrubia catalogado dentro da idade de Ferro. Ten unha forma semicircular e cunhas medidas aproximadas de 115 por 100 metros. Varios fragmentos cerámicos foron atopas nas inmediacións deste castro que está incluído no Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta.

Se queremos coñecer un pouco máis esta parroquia dos arredores de Lugo nada mellor que percorrer a Ruta do río dos muíños, para coñecer o río Mera que na última parte do seu curso forma una fermosa cascada que co seu muíño pon punto e final ao percorrido. Esta ruta recibe este nome debido a que hasta non fai moito tempo os muíños do Mera eran moi importantes para a cidade de Lugo xa que a abastecían de fariña.

A marxe dereita do río coincide con monte comunal, unha das principais razóns para que se manteña como está, dado o gran respecto e coidado dos veciños. Carballos, amieiros, freixos, salgueiros, bidueiros ou castiñeiros son algunhas das árbores que conforman a paisaxe deste percorrido onde destaca tamén a pequena flora como os fentos, unha grande cantidade de fauna tanto aves como peixes e algún que outro réptil.