Skip to main content
Lugo

A segunda edición do Urban Cores terá lugar do 6 ao 12 de marzo

Por 3 Marzo, 2023Sin comentarios

A segunda edición do programa municipal Urban Cores, que se celebrará do 6 ao 12 de marzo no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico foi presentada hoxe ca participación dos artistas Diego As, Marcos Pereira e Manu Pallín, de Concepto Circo

A iniciativa contempla a realización de tres murais en tres medianeiras nas Casas Sindicais, onde xa se atopa outro grafiti elaborado na primeira edición desta iniciativa municipal polo artista invitado leonés Dadospuntocero, concretamente na parte superior da rúa Quiroga, que representa unha flor que busca a reflexión sobre a ecoloxía e o papel que desempeña a reciclaxe.

“Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos, e agora en concreto estas edificacións sociais de fachadas austeras que datan dos anos 50-60, que gañarán en cor, conseguindo unha contorna máis amable e inclusiva ao mesmo tempo que as obras transcenderán as nosas fronteiras xa que a iniciativa forma parte da primeira fase do gran festival de arte urbano que desenvolveremos na Capital da Cultura do Eixo Atlántico, acadando unha maior proxección e repercusión a nivel transfronteirizo”, explicou a rexedora, que avanzou así mesmo, outras melloras nesta urbanización como a reforma do parque infantil.

Así mesmo, explicou, “desenvolvemos unha segunda fase o vindeiro día 25 na pista de skate, e unha terceira, vinculada co Tour do Talento e a formación, que inclúe talleres do Urban Cores como un recurso lúdico-formativo onde os grandes muralistas ensinarán á mocidade as claves desta actividade artística, como xa fixemos na Rúa do Esquecemento na primeira programación”.

Os artistas que deixarán a súa pegada nas Casa Sindicais son Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa e Noemí Núñez, que comezarán a pintar o vindeiro luns. Diego AS reflictirá na súa obra unha Pulpeira, buscando a tradición desde unha óptica actual, na fachada do número 62 da rúa Quiroga; Marcos Pereira pintará Adrómena nunha medianeira próxima, no número 69 da mesma rúa, para transmitir unha mensaxe que alude ao intercambio de enerxías nunha conexión intergaláctica entre seres; e, por último, Noemi Núñez e Pia Piadosa plasmarán Burato de verme no número 50 da rúa Portugal, un mural baseado na temática da ciencia ficción e un tributo ás portadas de películas clásicas e ao cómic de ciencia ficción, combinado co grafiti máis clásico.

Talleres para a mocidade

Os talleres do Urban Cores desenvolveranse do 2 ao 5 de maio, coincidindo coa semana do Tour do Talento onde se abrirán para un total de 40 mozos e mozas lucenses que compartirán espazo, experiencias e a visión de cada artista sobre a pintura mural e a arte en xeral