Skip to main content
BecerreáLugoNegueira de Muñiz

A Deputación de Lugo aumenta as axudas ás Reservas da Biosfera

Por 3 Marzo, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo aproba unha nova convocatoria da liña de axudas que ofrece ás entidades asociativas sen ánimo de lucro que están asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para desenvolver proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

Este é o terceiro ano no que a Deputación convoca esta liña de axudas, que lanzou por primeira vez no ano 2020, e que, como principal novidade, presenta un incremento do seu importe, ata alcanzar un total de 110.000€, o que representa un 32% máis que nos anos anteriores. Inclúe dúas liñas de actuación: unha dotada con 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outra, por un importe de 50.000€, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.

“A experiencia destes dous anos anteriores foi moi positiva. Medio cento de asociacións das Reservas Terras do Miño e dos Ancares Lucenses recibiron xa estas axudas, grazas ás que puideron sacar adiante proxectos moi interesantes, que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social e cultural. Esta boa experiencia levounos a reeditar esta liña de axudas, que este ano chega antes que en anos anteriores, e que incrementamos no seu importe”, explicou García Porto.

Nesta ocasión, a contía máxima da subvención que se outorga será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto. O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.