Skip to main content
Lugo

A universidade acolle mañá unha mesa debate sobre o papel da muller na I+D+I

Por 7 Marzo, 2023Sin comentarios

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC celebra o vindeiro mércores 8 de marzo, a partir das 10.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo, a mesa de debate A muller na I+D+i, organizada co gallo da celebración do Día Internacional da Muller’.

A decana do centro universitario lugués, Asteria Luzardo Álvarez, será a encargada de abrir a sesión cun breve acto de benvida ao público presente e ás catro relatoras que, de seguido, intervirán nun coloquio moderado pola doutora en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e CEO de TrasteLab, Maruxa Quiroga García.

A palestra de mulleres que intervirán este coloquio promovido en colaboración co Campus Terra da USC estará formada pola enxeñeira técnica industrial, especialidade en Química Industrial e directora do centro da UNED de Lugo, Ana Traseira; a licenciada en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e investigadora postdoutoral Patricia Cazón Díaz, a graduada en Nutrición Humana e Dietética e investigadora en seguridade alimentaria Laura Sanjulián Fernández, e a licenciada en Farmacia e investigadora ‘Ramón y Cajal’ no grupo Mitofonómica do CIMUS, Aurora Gómez-Durán.

As relatoras convidadas a este foro son mulleres implicadas en distintos ámbitos da investigación que contribúen á innovación e que, a través das súas intervencións, transmitirán ao estudantado as súas respectivas visións respecto das facetas e dos cometidos que desenvolve a muller no marco da ciencia.