Skip to main content
Lugo

As obras de renovación das pistas do Anexo contarán cun investimento de 320.000 euros

Por 17 Marzo, 2023Marzo 18th, 2023Sin comentarios

A licitación das obras de renovación do pavimento das pistas do Anexo contará cun investimento de 321.000 euros, según anunciou o deputado de Deportes Efrén Castro. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe o procedemento de contratación, pregos e proxecto da obra, coa que se instalará un novo pavimento de  madeira nas dúas pistas do recinto anexo ao Pazo dos Deportes.

Efrén Castro explicou que “seguimos avanzando na mellora das  instalacións do Anexo, tal e como nos comprometemos, licitando unha obra que renovará completamente o pavimento das pistas, con materiais de primeiro nivel, que garante as mellores condicións para que a práctica do baloncesto para as xogadoras e xogadores que veñen utilizando habitualmente estas instalacións”.

O pavimento das pistas retirouse polos numerosos danos que presentaba como consecuencia do deterioro acumulado e as filtracións de auga que acabaron por orixinar deformacións, afundimentos e irregularidades no chan das canchas.

As obras previstas contemplan a colocación dun novo pavimento que se elevará sobre a base de formigón a través de elementos puntuais, impedindo que calquera elemento de madeira entre en contacto coa base de formigón, onde se pode acumular a auga e permitindo así a ventilación do  pavimento.

Segundo se establece na memoria técnica do proxecto a licitar, a capa de uso deberá ter un espesor mínimo de 3,5 mm e valorarase que conte con certificación da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) para a categoría de pavimentos de madeira de competición.