Skip to main content
Lugo

Concello, Xunta e Adif firman o convenio para a estación intermodal

Por 17 Marzo, 2023Marzo 18th, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a nova área de Transporte Intermodal do municipio.

O documento recolle o compromiso dos tres organismos implicados, ADIF, Xunta e Concello, en termos económicos e por anualidades, segundo as intervencións que contempla.

Así, do conxunto do proxecto, orzamentado en 49.261.696 euros, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegará 30.904.849 €, o ente autonómico 13.681.981 € e o Concello de Lugo 4.674.865 €.

Para Lara Méndez “hoxe os e as lucenses estamos de noraboa porque con esta sinatura se inician os procedementos para executar unha dotación que non ten punto de retorno e que será sinónimo de desenvolvemento socieconómico para o munipio e a provincia”, sostivo a rexedora.

Tamén a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que “a Xunta de Galicia tiña moi claro que Lugo non se podía quedar ao marxe da intermodalidade por iso se deron os pasos necesarios para modernizar unha infraestrutura que será, alén dun nodo de transporte público, un proxecto moito máis amplo que fará cidade”.

Pola súa parte, a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez, encomiou “o gran resultado final do proxecto, froito dun traballo de coordinación entre tres Administracións que cómpre subliñar”, ao tempo que puxo en valor que “atopamos a mellor fórmula para integrar no espazo da actual estación unha nova dotación adaptada ás necesidades de tráfico e da modernidade que se está acadar coas melloras na liña ferroviaria Ourense – Monforte – Lugo, pero tamén un espazo para a intermodalidade coa estación de autobuses, de maneira que favoreza á mobilidade das e dos lucenses a través do paso urbano”, ao que considerou como o eixe central do proxecto.

A este respecto, a rexedora, Lara Méndez, subliñou que o groso da achega municipal se destinará á creación dese novo paso inferior peonil de uso libre que comunicará o barrio de Paradai e o do Sagrado Corazón, así como á urbanización dos viarios e da contorna inmediata na que se construirá a nova dotación.

A Institución local comprométese, ademais, a impulsar con carácter preferente a tramitación relativa á consecución destes proxectos.

Para o novo paso inferior que conectará ambos lados da canle ferroviaria e, con relación ao tramo que discorra baixo dominio público ferroviario, Adif outorgará unha concesión administrativa, sen custo, en favor do Concello por un período máximo de 75 anos. De xeito que a Administración local aceptará, entre outras obrigas, a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes e realizará, igualmente, unha reorganización no transporte urbano para garantir a adecuada conectividade da nova área Intermodal cos principais puntos de interese da cidade, tales como hospitais, centros de saúde, universidades, zonas comerciais, etc…

Antes de rematar, o secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, co que Méndez acudiu á propia Estación de Tren e abordou o estado doutras infraestruturas lucenses como pode ser a Rolda Norte – unha vía que tamén visitou para estudar a súa mellora – sinalou que “a nova Estación Intermodal mellorará os accesos ferroviarios, posibilitará os viarios a través do autobús e conformará unha mellor cidade pola conexión entre barrios que acadará e pola integración urbana que propicia, á que cómpre engadir á calidade arquitectónica da obra”.

David Lucas incidiu en que a nova estación será moi importante, “non só polo fin que persegue, senón tamén pola colaboración das Administracións que cando é efectiva, coma neste caso, consegue grandes resultados e a de Lugo é un exemplo”.

Igualmente, o secretario de Estado, ratificou o compromiso do Goberno Central de seguir afondando coa Comisión Europea na determinación dos espazos que sexa posible incorporar dentro do Corredor Atlántico de Mercadorías, para que Lugo non quede fóra desta rede comercial.