Skip to main content
Lugo

Unha alumna lucense acada o terceiro posto na XL Olimpíada galega de química

Por 20 Marzo, 2023Sin comentarios

Candela Rivas, alumna do Colexio Fingoi acadou o terceiro posto na XL Olimpíada Galega de Química 2023 da demarcación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O primeiro lugar foi para Teresa Andión Mosquera, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, o segundo posto foi para Carmen Muñíz García, do Colexio Manuel Peleteiro e Candela Rivas Cabanas, do Colexio Fingoi de Lugo, sitúase nese xa comentado terceiro lugar.

Os alumnos do Colexio Manuel Peleteiro Julio Leal Laíño e Alejandra Ares Rivas obtiveron o cuarto e sexto posto no ranking dos mellores na demarcación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O quinto posto é para Álvaro Torres Galegos, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro.

A Olimpíada de Química Galega, que pretenden fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación, como é costume.

Os tres mellores de cada demarcación universitaria participarán na XXXVI Olimpíada Española de Química, que este ano terá como sede da Universidade de Valencia, do 21 ao 23 de abril. “Será unha óptima oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos e galegas”, destaca Manuel Rodríguez Méndez, presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, entidades organizadoras da olimpíada.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acolleron simultaneamente o pasado 10 de marzo as probas da XL Olimpíada Galega de Química, nas que participaron 128 alumnas e alumnos procedentes de 38 centros educativos de toda Galicia. Manuel Rodríguez Méndez, en nome da asociación e o colexio, agradece un ano máis a participación de alumnado e o apoio de pais e profesorado. E felicita aos gañadores e a todos os participantes. “Somos os pioneiros en toda España, a nosa Olimpíada cumpre este ano o seu 40 aniversario; e un ano máis queremos demostrar que Galicia é canteira de talento para os estudos de química”.

Pola súa banda, Juan Sanmartín, coordinador da Olimpíada Galega de Química destaca o “bo nivel” mostrado este ano polos alumnos e alumnas que acudiron á XL Olimpíada Galega de Química, que este ano rende homenaxe á profesora María Inmaculada Paz Andrade. Esta química e catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) introduciu o estudo da Microcalorimetría en España. “A profesora Paz Andrade é un referente no mundo da innovación da física e a química”, destaca Juan Sanmartín