Skip to main content
Lugo

Tomé sobre a volta de Besteiro, “é unha satisfacción moi grande”

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou sobre a volta de José Ramón Gomez Besteiro á primeira liña da política e da representación institucional co seu nomeamento como delegado do Goberno en Galicia que
“hoxe é un gran día para Lugo e para Galicia, un gran día para o PSOE e un moi mal día para o Partido Popular”.

En declaracións aos medios, previas ao Pleno da Deputación de Lugo, José Tomé manifestou: “Para min é unha satisfacción moi grande, persoal e tamén colectiva de tódolos compañeiros. Por iso, o primeiro que quero é felicitalo a el porque o merece, despois destes sete anos que lle fixeron pasar, con mentiras, con falsidades e con inventos”.

Sobre a súa nova responsabilidade mostrouse convencido de que “vai facer unha excelente labor á fronte da Delegación do Goberno en Galicia. É un home con experiencia política que conta cunha traxectoria política enorme”.

Tomé engadiu que “espero que Candia teña a dignidade de pedir desculpas e, senón, o que ten que facer é irse da política, porque non vale todo. E sobre todo, se quere ser alcaldesa da capital da provincia, que non o vai a ser, desde logo ten que empezar a ter outras formas, porque non valen as mañas que está practicando”.

O presidente da Deputación ademais de felicitar a José Ramón asegurou que está convencido de que “vai facer unha excelente labor como delegado, un home con experiencia, que ten unha traxectoria política enorme”.

Sobre unha futura candidatura de Besteiro á Xunta de Galicia, Tomé Roca asegurou que “poder ser un candidato excelente para todo. A partir de aí, ten que ser el o que diga en que terreo de xogo quere xogar”. E insistiu, “hoxe é un bo día para o PSOE, pero para o PP non tanto, xa tiveron demasiados bos días baseándose en mentiras e en anónimos inventados”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez tamén fixo declaracións sobre a volta de Besteiro. “Que José Ramón Gómez Besteiro volva estar na primeira liña da acción política é unha moi boa noticia, primeiro para o Partido Socialista porque recuperamos un activo moi importante e segundo para a política galega” e engadiu “vai a seguir sendo unha peza fundamental na defensa dos intereses dos galegos e das galegas e ademais ocupa un espazo de onde nunca tivo que ser apartado”.

“Foi apartado por anónimos que se presentaron, que presentou a señora Candia, sen fundamento ningún e que non so fixeron dano a Besteiro e ao Partido Socialista senón que tamén fixeron un gran dano a cidade de Lugo” rematou Méndez.