Skip to main content
Lugo

A protectora será trasladada ás instalacións do antigo matadoiro municipal

Por 29 Marzo, 2023Sin comentarios

Hoxe foi presentado o anteproxecto da nova Protectora municipal que “será un fogar de acollida altamente equipado, con capacidade para case 180 cans e con outra zona de gateiras, co que o Concello quere ofrecer acubillo e coidados aos animais en condicións plenas de benestar”.

O Centro de Acollida Municipal trasladarase ao antigo matadoiro, un inmoble en desuso ubicado nunha parcela de 13.705 m², no Lugar de Seoane (San Xoan da Pena), que se atopa próxima ao río Miño e rodeada de vexetación.

“A actuación posibilitará desenvolver con calidade unha prestación moi necesaria, como é a atención a animais en situación de desamparo, e levala a cabo en condicións inmellorables, ao tempo que recuperamos un espazo público mediante a súa rehabilitación respectuosa, favorecendo o uso das enerxías renovables, optimizando os recursos públicos e diminuíndo os custos que suporía realizar unha nova construción”, resumiu a alcaldesa.

O gran obxectivo do centro é protexer aos animais de compañía, nomeadamente cans e gatos, que foron abandonados, cedidos ou maltratados polos seus propietarios, de aí que as principais actividades que desenvolva sexan a atención sanitaria, o coidado e adestramento das mascotas – incluída a terapia asistida – e a potenciación das adopcións.

Lara Méndez destacou que as instalacións foron deseñadas tendo en conta criterios veterinarios que inciden directamente sobre a saúde e o benestar animal, de xeito que todas as dependencias necesarias para o funcionamento do centro se integrarán, en simbiose, no edificio principal.

Haberá unha zona de xestión, outra de residencia canina e felina, así como un espazo para atención primaria, almacenaxe e aparcadoiro.

“Os canís, con capacidade máxima para dous exemplares, disporanse na zona central do edificio e serán de dous tipos, interiores e exteriores. Estes últimos ofrecerán unha configuración desmontable, contando cun espazo de descanso cuberto, dotado de cama, e doutro para favorecer o esparexemento ao aire libre”, explicou a rexedora.

Ademais, todo o inmoble foi proxectado de tal forma que se garanta a accesibilidade cidadá a todas as áreas que albergan animais, a excepción – por razóns de seguridade sanitaria – dos lugares reservados para a corentena e a maternidade, facilitando, deste xeito, as relacións e a integración na contorna, xa que nos terreos se habilitarán tamén zonas de esparexemento para poder pasealos ou realizar exercicio.

“Pretendemos, así mesmo, realizar unha importante función social e educativa, expondo unha serie de actividades que acheguen á poboación ao Centro, polo que os esforzos redundarán en crear un lugar axeitado para que tanto as persoas voluntarias que axudan ao coidado dos animais como aquelas que queiran adoptalos, poidan vir, coñecer o recinto, darlles agarimo e sentirse agusto con eles, todo iso coa finalidade de preparalos para ir a un fogar do que non sexan devoltos”, incidiu Lara Méndez.

A alcaldesa enmarcou a intervención na liña doutras iniciativas, subliñando a aposta de Axenda Urbana Lugo – Cidade Verde que transcende ao desenvolvemento económico e cohesión social para incorporar criterios de sustentabilidade con medidas activas e pasivas de eficiencia enerxética para minorar a pegada de carbono e os gastos de funcionamento dos inmobles municipais.

A ese respecto adiantou algunhas das obras que será necesario realizar para acondicionar o vello matadoiro ao novo uso de xeito que “a intervención arquitectónica potenciará e aproveitará a edificación existente, adecuando a súa funcionalidade e estética aos espazos propios dun centro de acollida de animais pero tamén á contorna natural inmediata”, engadiu.

Boa parte dos traballos irán encamiñados a mellorar a envolvente térmica. Por exemplo, na cuberta substituiranse as placas de fibrocemento por paneis sandwich de aceiro con illante intermedio, que tamén se aplicará, xunto á dobre fábrica de ladrilllo, nos elementos de separación vertical con outras dependencias.

Se modificarán os ocos exteriores, que irán pechados con carpintería de aluminio lacado con rotura de ponte térmica de dobre acristalamento, cámara de aire selada de gas argón e vidros baixo emisivos.

As persianas irán colocadas polo interior de ocos ao igual que os dispositivos de control solar e se renovarán todas as instalacións de fontanería, saneamento e electricidade, no que as luminarias contarán con sistemas automatizados de control e regulación.

A climatización e ventilación das zonas de xestión e atención primaria se acadará mediante aerotermia, formada por unidades interiores de aire acondicionado e recuperadores de calor e a demanda de auga quente sanitaria cubrirase cunha bomba de calor con depósito acumular.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, achegou a previsión cronolóxica da actuación.

“Agardamos que todo o proxecto, sen contratempos, non se alongue máis aló de 36 meses tendo en conta xa a propia redacción do mesmo – que se estima poida estar lista en 6 meses – e a execución da obra, que disporá dun ano e medio (18 meses) de prazo.

Fernández sinalou que, para proceder á rehabilitación do edificio estruturouse o proxecto en dúas partes.

“A primeira, consiste na redacción de toda a documentación técnica pertinente (proxecto básico e de execución, etc.) e obtención de licenzas e/ou autorizacións necesarias, mentres que na segunda parte, realízanse todas as obras para adaptar a edificación ao novo uso, que inclúen a mellora da envolvente da edificación e as instalacións necesarias para o funcionamento do Centro de Acollida de Animais”, apuntou o edil.