Skip to main content
Lugo

O PSOE fai públicos os documentos que demostran que Candia entregou as denuncias contra Besteiro

Por 31 Marzo, 2023Abril 3rd, 2023Sin comentarios

O PSdeG provincial fixo públicos este venres os documentos oficiais firmados por Elena Candia e co logotipo do Partido Popular que a candidata mindoniense á Alcaldía de Lugo levou ó Xulgado e “demostra que Elena Candia entregou os anónimos falsos á xuíza expedientada Pilar de Lara que orixinaron a persecución contra José Ramón Gómez Besteiro”.

O PSdeG dá conta destes documentos porque, “aínda por riba de non dar explicacións, nin pedir desculpas públicas a todos os galegos, pero sobre todo ós lucenses, pola tropelía que provocou a maior persecución político xudicial na historia da democracia galega, primeiro minte Elena Candia e agora o propio presidente da Xunta negando a evidencia: que foi a presidenta provincial do PP a que, a título persoal, entregou os escritos que deron orixe á operación xudicial”.

Segundo informa o Partido Socialista o propio expediente xudicial “recolle un escrito do Grupo Provincial do Partido Popular ao Fiscal Xefe de data 5 de marzo de 2013 no que comparece e fai entrega de dous documentos”, e, poucos días despois, o 14, Candia fai unha declaración testifical ante o Fiscal que literalmente di: “La declarante es Diputada Provincial y Portavoz del Partido Popular en la Diputación de Lugo. El escrito que presentó en Fiscalía se les hizo llegar a sus oficinas de la Diputación de forma anónima, lo encontraron dentro de un sobre en blanco sin ninguna anotación, sin que pueda precisar su procedencia. Cree que el sobre ha sido destruido o utilizado para reciclar”.

“As manifestacións de Alfonso Rueda demostra que están preocupados e nerviosos porque coas súas mentiras e inventos fixeron un dano enorme a Gómez Besteiro e a Lugo, un dano ás institucións da Deputación, contra a que se abriu unha causa xeral, e do Concello lucense, ós funcionarios, e un dano que provocou cuantiosas perdas económicas e destruíu emprego”.

Dende o Partido Socialista declaran que “á vista dos feitos, a señora Candia está hoxe inhabilitada politicamente. Esperamos que teña a dignidade de rectificar e pedir perdón e, senón, debe irse da política porque non vale todo”, aseguran e engaden que “estamos convencidos de que moitos dirixentes e votantes do propio Partido Popular non comparten este comportamento, nin esta forma de facer política, e mesmo se avergoñan da actitude da candidata. E, por suposto, os lucenses non se merecen ser gobernados por unha persoa que está demostrando mala fe e nula catadura moral. Onde está o límite de Elena Candia? Ata que punto chegarán os seus enganos cando non haxa documentos oficiais que a desmintan?”

Para os socialistas ante os documentos xudiciais “que demostran que mentiu”, a señora Candia “debe pedir perdón ou dimitir” e, ademais, “debería indemnizar a José Ramón Gómez Besteiro polos danos persoais, morais e políticos que causou coas súas mentiras”.

A pesar da súa “catadura moral”, recalcou o PSdeG provincial, “non lle desexamos que pase polo sufrimento inxusto que tivo que soportar durante tantos anos o compañeiro Besteiro por culpa da súa irresponsabilidade”. “Agora non pode esconderse detrás dos silencios nin agochar a cabeza, porque o dano xa está feito e terá que facerse politicamente responsable das súas fechorías”, aseverou.