Skip to main content
Monterroso

Os socialistas de Monterroso frean unha subida no recibo da auga

Por 3 Marzo, 2023Sin comentarios

O Grupo Socialista de Monterroso rexeitou na última sesión plenaria da Corporación municipal “a proposta da Alcaldía para modificar a ordenanza reguladora da taxa do servizo de subministración de auga e do servizo de sumidoiros e depuración”.

Tal e como consta na iniciativa do Goberno Municipal de Monterroso, “a alcaldesa solicitaba un incremento das taxas nun 10,5 %, segundo a revisión do IPC”. Esta proposta que “dispararía o recibo da auga dos veciños tivo que ser retirada da orde do día, xa que non contou co apoio de ningún grupo político, nin tan sequera do PP que goberna en coalición coa Alcaldesa”, advirten os socialistas.

O Grupo Socialista rexeitou esta proposta porque cre que, “no actual contexto marcado polas consecuencias económicas da guerra en Ucraína, non é momento de incrementar ningunha taxa, e tamén por coherencia da Alcaldía, xa que na propia memoria que presentou o Goberno Municipal do orzamento deste ano, incidiu en que non se incrementarían nin impostos, nin tampouco o importe das taxas dos servizos públicos municipais”.

“Polo tanto, pedímoslle coherencia e que cumpra coa palabra dada, non se pode estar dicindo unha cousa e facendo o contrario. Iso chamase mentir e tratar de enganar á cidadanía”, denuncian dende o PSdeG.

Nesta mesma sesión plenaria tamén se tratou a liquidación do Orzamento do Concello do ano 2022, un documento do que os socialistas destacaron “as observacións da propia Interventora municipal sobre as graves irregularidades no exercicio das funcións da Alcaldía”. Como exemplo, inciden, “existen provedores que exceden o límite do contrato menor e provedores para os que non existe contrato en vigor. Así mesmo, existen outros provedores con contratos menores irregulares que se manteñen no tempo”.

Dende o PSdeG recordan que “o límite do importe dos contratos menores, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, é de 40.000 euros para obras e subministracións, e 15.000 euros para servizos”. “Este tipo de contratos de adxudicación directa evita o proceso de licitación, no que as diferentes empresas poderían participar nas correspondentes licitacións, e no caso de superar estas cantidades anteriormente descritas, estaríase a vulnerar a lexislación e privando ao mesmo tempo de que as diferentes empresas concorran a estes procesos en igualdade de condicións”. Nesta situación irregular encóntranse preto de 20 empresas.

Rafael García tamén se referiu a falta de arquitecto municipal no Concello. “Fai exactamente 4 meses que estamos sen o técnico municipal pola incompetencia política do Concello e da Alcaldía para resolver o correspondente proceso selectivo. Neste tempo, só foi capaz de aprobalas bases, quedando o proceso paralizado dende entón. Esta situación deixa a moita xente nunha situación de indefensión absoluta á hora de tratar de resolver a obtención de licenzas de distinta índole e incluso algúns veciños teñen o risco de perder a concesión de axudas doutras administracións para realizar obras ante a falta de persoal que informe as oportunas licenzas”.