Skip to main content
Monterroso

O socialistas presentan en Monterroso a candidatura liderada por Antonio Gato

Por 25 Marzo, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Monterroso celebraron na Cúpula o acto de presentación da candidatura ás vindeiras eleccións municipais, liderada por Antonio Gato. Un encontro no que o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou que Monterroso volverá a ter con Gato “un moi bo alcalde, que recuperará a senda de dinamismo e de progreso” do concello.

“Con experiencia, sensatez e con enerxía, o alcaldable socialista liderará un goberno serio e eficaz, deixando atrás estes anos negros, de desgoberno, provocados por unha Aacaldesa desleal, que co apoio do PP, levou a Monterroso a estar paralizado”, subliñou Tomé Roca.

Antonio Gato, incidiu o líder dos socialistas na provincia, “conseguiu como alcalde durante 16 anos moitos avances para Monterroso, e vaino seguir facendo a partir do 28 de maio, porque presentamos ás eleccións un proxecto gañador para recuperar a Alcaldía e para seguir facendo o que sempre facemos os socialistas cando gobernamos, escoitar á xente e resolver os seus problemas gobernando para todos, como estamos demostrando no Goberno de España, subindo as pensións ou eliminando o pago das medicinas, ou como demostramos na Deputación de Lugo. Estas son as nosas prioridades, gobernar para a xente”.

“Temos un proxecto ilusionante, de esperanza, pensado para os veciños e veciñas de Monterroso, centrado nas persoas, na defensa dos servizos públicos, na promoción da economía e na aposta polo rural” e “construído dende o  diálogo, tendo en conta todas as sensibilidades”, asegurou José Tomé, quen, neste sentido, agradeceu a Rafael García “o seu traballo como voceiro e a súa amplitude de miras, poñendo por diante os intereses de Monterroso”. “Rafa non pensou en gañar el, pensou en traballar unidos para que gañe Monterroso”, sinalou.

Ademais, o secretario xeral dos socialistas na provincia destacou que os investimentos da Deputación de Lugo durante este mandato en Monterroso superaron os 2,5 millóns de euros, comprometéndose a “darlle un novo impulso ó municipio coa colaboración dun alcalde e dun Goberno municipal responsable”. “Comprométome contigo e coa candidatura a que, se gobernamos, acabaremos as obras do complexo deportivo para que sexa útil á xente de Monterroso e da comarca”, afirmou.

Pola súa banda, Antonio Gato dixo que se presenta ás eleccións “cun gran equipo de xente, tamén cun gran programa realizado coa colaboración activa de toda a veciñanza e de tódolos colectivos do noso concello. E, por suposto, preséntome para que o noso concello siga progresando e non quede atrás. Só son un veciño disposto a traballar polo futuro de Monterroso”, incidiu.

O candidato socialista remarcou que “se acado a Alcaldía, unha das miñas prioridades será restablecer o diálogo total con tódalas administracións públicas, tanto coa Deputación de Lugo, como co Goberno do Estado e a Xunta. Non podemos deixar pasar unha soa oportunidade para investir no noso concello”.