Skip to main content
Portomarín

Marcos Arias Rodríguez será o candidato do PSOE á Alcaldía de Portomarín

Por 9 Marzo, 2023Sin comentarios

Marcos Arias Rodríguez, elixido pola militancia, será o candidato do PSOE para optar á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais  do 28 de maio. Marcos Arias, que é concelleiro socialista, amosouse “moi satisfeito e agradecido a toda a militancia por confiar en min para encabezar este proxecto”, dixo.

O secretario xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, subliñou que Marcos Arias “conxuga tódolos valores socialistas que son necesarios para acadar a Alcaldía”. Lembrou que Arias “xa foi concelleiro con só 19 anos, polo tanto xoga con moita vantaxe, xa que ten un coñecemento moi amplo do concello no que traballa e no que vive coa súa familia. E o máis importante, ten moitas gañas de traballar polos seus veciños e veciñas e sacar o seu concello adiante”.

Tomé Roca tamén agradeceu o traballo ao longo destes anos da actual voceira socialista e ex-alcaldesa de Portomarín, Silvia Rodríguez: “cónstame que fixo un esforzo moi intenso ao longo destes anos en favor da veciñanza e de tódolos colectivos do concello”.

“Fixar poboación, crear emprego, promover o noso patrimonio ou acondicionar o Camiño ao seu paso pola nosa vila e actualizar as contas municipais. Son algunhas das prioridades que me marco si chego á Alcaldía. Estes días comprobamos como o alcalde puxo á venda o noso patrimonio, malgastando os nosos recursos económicos a destro e sinistro. A veciñanza de Portomarín non pode esperar un segundo máis diante desta desfeita, temos que actuar e parar isto xa”, recalcou Marcos Arias.