Skip to main content
Ribeira de Piquín

A plantación de Kiwis da Fundación TerrEo en Ribeira de Piquín contará cun novo sistema de rego

Por 30 Marzo, 2023Sin comentarios

Medio Rural da Deputación de Lugo colaborará coa Fundación TerrEo creada polo Concello da Ribeira de Piquín para o aproveitamento produtivo dos recursos naturais do municipio.

A deputada Mónica Freire e o alcalde e presidente da Fundación Roberto Fernández asinaron un convenio de colaboración co que se financiará a instalación dun sistema de rega e fertirrega – para a canalización do abono a través da auga de rega – na plantación de kiwis que a Fundación TerrEo xestiona en Montefurado.

A área de Medio Rural achega 30.000 euros para este proxecto co que se pretende garantir a dispoñibilidade de auga na plantación ao longo de todo o ano, pero en especial nos meses máis secos, nos que é necesario aportar auga ao cultivo para garantir as producións futuras.

Os traballos contemplan a captación da auga, a construción dunha balsa de rega e a instalación das liñas de portagoteiros, así como dun sistema de rego automatizado.

Mónica Freire sinalou que “desde a área de Medio Rural seguimos impulsando a través destas colaboracións proxectos que apostan polo aproveitamento dos recursos e polo sector primario como motor de desenvolvemento económico e social, neste caso a través dunha iniciativa impulsada desde unha administración local como é a Fundación TerrEo”.

Roberto Fernández agradeceu “a colaboración da área de Medio Rural nun proxecto, fundamental para a creación de emprego e a fixación de poboación no concello”

A plantación, con dúas hectáreas de superficie, púxose en marcha entre outubro e novembro de 2022. A instalación do sistema de rega pretende anticiparse á maior necesidade de auga dos kiwis entre o periodo de floración e o mes de setembro.