Skip to main content
Quiroga

A Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero visitou Quiroga

Por 29 Marzo, 2023Marzo 30th, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, levou a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero “MAVI” a Quiroga.

Este proxecto da Subdelegación do Goberno consiste nunha maleta chea de libros que se entregou ao Centro de Información á Muller para que serva na loita contra a violencia de xénero.

Isabel Rodríguez, acompañada do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, falou sobre esta maleta que estará no Concello tres meses, e que conta con libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que todas as persoas sexan as protagonistas do proxecto.

Así mesmo, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participen no proxecto poden compartir as súas reflexións sobre as lecturas.

MAVI

“MAVI é unha proposta innovadora e á vez moi necesaria”, subliñou a subdelegada, quen advertiu que Quiroga conta, actualmente, con 4 casos activos no Sistema de seguimento de violencia de xénero (Vioxén).

“Levamos este proxecto aos concellos, á administración máis próxima á cidadanía e, polo tanto, con máis facilidade de que estas mensaxes calen e sensibilicen á sociedade, co obxectivo de multiplicar o impacto e, deste xeito, previr todas as formas de violencia contra a muller”, engadiu Isabel Rodríguez.

En relación con isto, agradeceu ao Concello de Quiroga a súa implicación neste proxecto, que permanecerá tres meses no municipio.