Skip to main content
ES-RIBEIRASACRAXAPublirreportaje RIBEIRASACRAXA

Arranca con forza a nova tempada dos catamaráns pola Ribeira Sacra da Deputación

Por 17 Marzo, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo celebrou o éxito desta viaxes turísticas, que percorren a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que sae de Belesar Pobo, no Saviñao.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a forza coa que arrancou a nova temporada dos catamaráns da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra, pois só na primeira semana dende que se abriu a venda de billetes, xa hai 7.500 prazas reservadas.

“Seguimos consolidando as rutas fluviais pola Ribeira Sacra como un reclamo de primeira orde para incentivar así a actividade económica, e facémolo a través do modelo de turismo polo que traballamos dende a Deputación, sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio”, subliñou García Porto, quen lembrou que as viaxes arrancarán o vindeiro 1 de abril, nas vésperas de Semana Santa.

A institución provincial ofrece a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que sae de Belesar Pobo, no Saviñao. A viaxe polo Miño conta con preto de 1.200 reservas, e as restantes, unhas 6.300, son viaxes que se farán polo río Sil.

As reservas poden facerse a través da páxina web reservas.rutasembalses.es na que, ademais, as persoas interesadas poderán coñecer todos os detalles das diferentes viaxes. O portal posto en marcha o pasado ano pola Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de modificar as reservas, coñecer a normativa vixente e coñecer toda a información precisa para realizar a viaxe.

Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde. Tamén está habilitado un espazo profesional para facilitar o trámite das reservas.

Datas e horarios

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do sábado 1 ao domingo 9, en horario de mañá e de tarde. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.

No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.

No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.

Ambas rutas rematarán a temporada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es para a nova tempada, que arrancará nas vésperas de Semana Santa, e que se prolongará ata final de ano.