Skip to main content
Chantada

A subdelegada do Goberno visitou Chantada para presentar as accións do Plan Único

Por 3 Marzo, 2023Marzo 4th, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo unha reunión co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, para abordar os investimentos do Goberno no municipio e presentarlle as principais liñas dispoñibles para transición ecolóxica, vivenda, administración pública, e recoller tamén as súas demandas e opinións.

Durante a visita, Rodríguez avanzou que Chantada está incluída na segunda convocatoria do Plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para a dotación de fibra óptica en toda a provincia.

Así, grazas a este programa, o Goberno achegará a banda ancha ultrarrápida a case 600 zonas do municipio, valorada en máis de 500.000 euros, que debido á súa situación xeográfica e dispersión poboacional non contan a día de hoxe con esta tecnoloxía. O Programa Único beneficia a 1.500 fogares e empresas de Chantada.

A subdelegada destacou que este proxecto é prioritario para o Goberno “porque somos coñecedores da importancia de garantir unha boa cobertura en todo o territorio, un obxectivo transversal para loitar contra o despoboamento nas zonas rurais”, argumentou.

O Ministerio financia con este programa ata o 90% dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc) nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar a conexión de alta velocidade a zonas sen cobertura.

Feira do Viño

Durante a xornada, a subdelegada e o rexedor perfilaron o dispositivo de seguridade previsto para a XL Feira do Viño, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de marzo.

Tal e como se acordou no encontro, os efectivos da Garda Civil intensificarán os traballos de vixilancia para evitar incidentes no transcurso da festa, a primeira cita vitivinícola do ano no ámbito da Ribeira Sacra e unha das máis populares.

Este dispositivo conxunto coa Policía Local favorecerá unha atención áxil e eficaz tanto á propia veciñanza como aos visitantes que se acheguen a Chantada nos días de celebración da feira.