Skip to main content
Folgoso do Courel

O Concello de Folgoso do Courel insta á Deputación de Lugo a que presente o proxecto da residencia

Por 2 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Folgoso do Courel aprobará unha moción no Pleno do vindeiro venres para instar á Deputación de Lugo a que “dunha vez por todas presente o proxecto da residencia da terceira idade do Concello de Folgoso do Courel adaptado á nova realidade actual, pois estamos a falar dun convenio que se comprometeu no 2015, se firmou no 2018, e que xa se prorrogou en dúas ocasións”.

O Goberno local considera que os veciños do Concello de Folgoso do Courel non merecen estar sometidos a este desprezo continuo dando largas a un proxecto tan necesario nun Concello destas características cunha poboación con idades moi avanzadas e con gran dispersión xeográfica, o máis lonxe da provincia de Lugo de todos os servizos.

Na iniciativa demanda que “se presente o proxecto a maior brevidade para continuar co proceso e licitar canto antes as devanditas obras”.

Desde o goberno municipal fan esta petición logo de que a alcaldesa se reunira a principios do mes de decembro co deputado delegado Pablo Rivera, onde este lle dixo que tiñan que revisar o proxecto polo aumento dos prezos dos materiais coa intención de evitar problemas de licitacións desertas como esta a ocorrer en outras residencias.

O deputado comprometeuse a facilitar esta información en xaneiro deste ano, pero desde o Concello de Folgoso do Courel denuncian que aínda hoxe non está feito.

“No convenio asinado no seu día estimábase un investimento de 1,4 millóns de euros, dos cales 1,2 serían achegados pola Deputación Provincial, encargada, entre outros de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos; sendo obriga do Concello achegar 200.000 euros, e entre outros, achegar os terreos necesarios para construción da residencia e centro de día”, explican.