Skip to main content
Folgoso do Courel

A estrada LU-651 está sendo mellorada entre Ferrería Vella e Seoane

Por 3 Marzo, 2023Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza na execución dos traballos que permitirán o ensanche e mellora da estrada autonómica LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, no municipio de Folgoso do Courel, nas que inviste 3,4 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha das obras, que neste momento céntranse nas actividades de desmonte e aterraplenado necesarias para implantar a plataforma prevista.

Estas accións execútanse co máximo respecto ambiental, de acordo co deseño realizado polo departamento autonómico de Infraestruturas, no que se conxuga a mellora da funcionalidade e da seguridade da vía cos valores ambientais da zona.

Esta intervención permitirá o ensanchamento deste treito de 3,5 quilómetros da estrada para dotalo de dous carrís de tres metros e beiravías de 50 centímetros. Tamén se executarán cunetas transitables de 90 centímetros de ancho que mellorarán a seguridade.

A intervención incluirá a rectificación de varias curvas; a ampliación de dous pontóns; a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de dous muros de sostemento de terras e a mellora do firme e a sustitución da sinalización en todo o treito.

Da mesma maneira, está previsto habilitar un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes. Pola súa banda, no lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña á saída do núcleo e pavimentarase a travesía.

As obras comezaron a finais de setembro e o prazo de execución previsto é de 12 meses.

Obras de emerxencia na LU-651

Arias tamén comprobou as obras de emerxencia que se executan en catro puntos da estrada autonómica LU-651 ao seu paso polo concello de Folgoso do Courel para estabilizar noiros e muros danados polos últimos temporais cun orzamento que ascende a 230.000 euros.

As actuacións realizadas centráronse na execución de muros de dique para o sostemento da plataforma en tres puntos, actualmente estase a traballar no último, así como a reposición do firme e dos sistemas de contención da calzada.

Tamén se acometeron os traballos previos para actuar nun cuarto treito coincidente co desvío provisional ao Courel habilitado o pasado verán, onde se vai estabilizar un noiro empregando un sistema de mallas ancladas.

O delegado subliñou a axilidade na intervención da Xunta para reparar os danos e garantir a seguridade dos usuarios desta infraestrutura de comunicación.

Lembrou que estes labores implican afeccións ao tráfico e confiou en que se o clima é favorable, estean completados a mediados da semana que vén.