Skip to main content
Folgoso do Courel

A Xunta habilitará servizos de transporte público en Folgoso do Courel polas obras na LU-651

Por 12 Marzo, 2023Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adaptará desde maña, luns, os servizos regulares de transporte público que discorren por Folgoso do Courel debido ás obras que executa na estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, que obrigarán a realizar cortes de tráfico entre os puntos quilométricos 31,300 e 33,000.

Está previsto pechar o tramo á circulación os días laborables a partir das 9.30 horas para permitir o paso do transporte escolar. Pola mesma razón, nesta fase da obra adiantarase a apertura ás 17.00 horas, horario que se manterá sempre que a evolución dos traballos o permita para ocasionar o mínimo trastorno posible.

Ademais, intentarase dar todas as facilidades e adaptarse na medida do posible ás necesidades da poboación, especialmente do centro educativo. Fóra desa franxa horaria, abrirase parte da vía e darase paso alternativo á circulación nos distintos sentidos, regulados por semáforos.

En días festivos e fins de semana a estrada quedará completamente aberta á circulación, salvo incidencias puntuais.

Mentres dure o corte total da estrada, a Xunta adaptará os servizos de autobús que comunican Folgoso do Courel.

Conexións

No caso da conexión con Pedrafita do Cebreiro, os servizos terán inicio e finalizarán en Seoane do Courel.

No que respecta á conexión con Quiroga, os cambios poderían afectar ao servizo que ten saída nesta localidade ás 17.00 horas os luns e venres e os días de feira (10 e 27 de cada mes).

Se as circunstancias obrigasen a manter pechado o tramo máis alá desa hora en días coincidentes cos sinalados, o transporte realizarase nun vehículo turismo polo desvío habilitado.

Os desvíos estarán sinalizados e manteranse o tempo indispensable para garantir a seguridade dos usuarios mentres se traballa na vía.

Os vehículos lixeiros, e en todo caso os que conten cunha anchura e altura inferior a dous metros, utilizarán senllas pistas, unha para cada sentido. Dadas as súas dimensións, os vehículos pesados deberán optar por outras alternativas, que tamén estarán indicadas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir 3,4 millóns de euros nesta actuación, que suporá ensanchar en total 3,5 quilómetros da estrada para dotala dun carril de tres metros de ancho por cada sentido de circulación e beiravías de 50 centímetros, rectificando varias curvas.

Tamén se executarán cunetas transitables, de 90 centímetros de ancho, que mellorarán a seguridade.

Ademais, está previsto habilitar un aparcadoiro para autobuses en Seoane ou pavimentar a travesía de Ferrería Vella, entre outras melloras.