Skip to main content
Folgoso do Courel

Caurel Vivo denuncia que o peche da estrada LU-651 prexudica aos veciños do Courel

Por 14 Marzo, 2023Marzo 15th, 2023Sin comentarios

Desde o colectivo Caurel Vivo denuncian que as obras que está a facer a Xunta na estrada LU-651 e que durarán dous meses van “afectar negativamente na zona”.

O peche da Estrada LU-651 no treito que se están a arranxar, entre Seoane e a Ferrería, no Concello de Folgoso do Courel, fai que a veciñanza e empresas con furgóns e camións se vexan obrigados a facer un rodeo de 1 hora e 15 minutos mentras a estrada permaneza pechada, “xa que furgóns, camións, autobuses e Ambulancias non caben polos desvíos que propón a Xunta”, apuntaron desde Caurel Vivo.

Segundo esta agrupación, “é unha obra moi necesaria, pero hai alternativas a pechala durante dous meses seguidos”.

Así, veñen de rexistrar unha moción no Concello de Folgoso do Courel para que a Xunta de Galicia (como licitante) e desde o Concello de Folgoso do Courel non se permita o peche para “facilitarlle aforrar custos á empresa, en prexuízo da seguridade dos veciños e veciñas”, explicaron.

Ademais, apuntan a que o Proxecto de Construcións adxunta á licitación non contempla o peche para facer desmontes, só contemplan “cortes puntuais con sinalistas de obra”, polo que piden que se fagan os traballos sen pechar a estrada e de tela que pechar, que sexa en días puntuais.

Tamén esixen que “se cumpran os requirimentos técnicos en canto a espesor de aglomerado de 5 cm de espesor, 6 metros de estrada e 50 de beiravía en cada lado e cunetas de seguridade transitables de 90 cm para mellorar a seguridade vial e drenaxes da mesma”.