Skip to main content
Monforte

José Tomé presenta o cartel e o vídeo promocional da Feira Medieval de Monforte

Por 11 Marzo, 2023Marzo 13th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé, deu a coñecer o cartel e o vídeo promocional da Feira Medieval de Monforte de Lemos que vai ter lugar os vindeiros 8 e 9 de abril no casco histórico de Monforte.

Estes, dixo, “son dous elementos fundamentais para a promoción da que será a edición número XIX da nosa Feira medieval que se puido recuperar o ano pasado logo de dous anos de ausencia motivado pola pandemia do Covid 19”.

Tal e como manifestou o alcalde, José Tomé, “neste ano 2023 e unha vez consolidada a nova normalidade tratamos de ir organizando os elementos emblemáticos do noso concello con mais forza para volver a atraer ao público que nos acompañaba en edicións anteriores á pandemia e mesmo o pasado ano 2022 houbo unha masiva asistencia de público”.

O cartel da XIX Edición da Feira Medieval de Monforte foi deseñado conxugando varios elementos centrais da feira como son a TAU, A Torre da Muralla Medieval, armaduras e xustas medievais, “que transmiten toda a forza dos defensores da Fortaleza de San Vicente do Pino”, explicou.

Vaise distribuír por toda a cidade de Monforte pero tamén por toda Galicia a través dunha empresa contratada ao efecto, poñendo especial fincapé nos próximos eventos que vai haber na nosa comarca como é a feira do viño de Chantada e a Feira de Amandi en Sober.

Pola súa parte, co vídeo promocional feito por Amanita Studio, argumentou, “queremos celebrar a volta á normalidade continua da Feira Medieval e celebrar novamente esa normalidade que se nos arrebatou fai 3 anos. Dende o Concello entendemos que celebrar a Feira, equivale a celebrar a vida, porque eso é o que toca agora tal como destaca o audiovisual, toca vibrar todos xuntos coas actividades da Feira”.

O rexedor subliñou que “como facemos con todos os eventos, dende o equipo de goberno levamos tempo preparando esta nova edición da feira medieval e mantivemos contactos e reunións preparatorias con asociacións, colectivos, comerciantes, artesáns e hostaleiros para que coa axuda de todos eles, compoñer un programa do que vai saír a XIX edición da Feira medieval de Monforte”.

Outro elemento importante de promoción da feira será o programa, que o equipo de Goberno dará a coñecer durante a inauguración do mercado medieval que terá lugar os días 25 e 26 de marzo na Praza de Abastos, como xa ven sendo habitual, mercado co que pretenden animar as ventas de produtos relacionados coa feira medieval.

José Tomé rematou a presentación afirmando que “tal e como comprometín, como Alcalde, traballamos para impulsar e promocionar con todo o esplendor a nosa Feira Medieval que sen dúbida tamén vai supoñer unha importante inxección económica para a nosa hostalería, o noso comercio e noso turismo.