Skip to main content
Monforte

A planta de fabricación de alimentos Kern Pharma será construída en Monforte nos vindeiros meses

Por 31 Marzo, 2023Abril 1st, 2023Sin comentarios

Raúl Díaz-Varela, presidente de Kern Pharma, e Manuel Garrrido, Director Xeral de Laboratorio, visitaron Monforte para reunirse co alcalde, José Tomé, e visitar os terreos do Polígono onde se vai a ubicar a planta de fabricación de medicamentos.

Durante a visita dos responsables de Kern Pharma, fíxose un repaso da situación do proxecto e se analizaron os detalles construtivos sobre o propio terreo onde se situará a planta, así como tramitacións pendentes de tipo administrativo para facilitar a fluidez das actuacións e que poidan ser unha realidade o antes posible.

Antecedentes

O pasado día 28 de febreiro entrou por rexistro do Concello a solicitude de Kern Pharma para a licenza de obras. De inmediato, o Concello deulle prioridade absoluta a esta solicitude, e en menos de un mes, concedeulle a licenza solicitada.

Para lograr este obxectivo, o Concello tivo que elaborar os informes técnicos pertinentes por parte do servizo de urbanismo municipal e tamén solicitar da Deputación de Lugo informes do servizo de Vías e Obras, en relación coa afección que puidera ter esta industria, dado que se sitúa no lateral da estrada provincial LU-P-3205 de Monforte de Lemos a Sober, por Neiras.

Tanto o informe municipal como o informe da Deputación, foron favorables e con data 27 de Marzo, a Xunta Local de Goberno, aprobou conceder a licenza de obras de construción da nova planta nos terreos situados no Polígono Industrial do Reboredo, parcelas 1C, 2C, 3C. O Concello, polo tanto conseguiu facer toda a tramitación en 28 dias naturais, licenza que xa lle foi comunicada á empresa.

A Memoria valorada da nova Planta de Inxectables e o proxecto de obra que entrou por rexistro no Concello e que afecta á 1º Fase de construción da planta, ascende a 31.193.572 euros.

Co desenvolvemento deste proxecto crearanse ao redor de 50 postos de traballo nesta primeira fase.

Unha aposta económica polo Concello

O ICIO que lle corresponde a esta inversión ascende a 623.781,44 euros que debido a que o Concello de Monforte está acreditado como Concello Emprendedor, e sempre que se crean ou se amplian empresas que superan a creación de 6 postos de traballo, bonifícase o ICIO (licenza de obra) no 95%, cando soliciten a licenza de actividade, é dicir que o Concello bonificará a licenza nun importe de 592.592,36 euros polo que a empresa Kern Pharma terá que pagar pola licenza de obra soamente 31.189,07 euros.

O concello tamén vai bonificar durante 3 anos o 95% da IAE e o 95% do IBI tal e como está recollido na Ordenanza Municipal aprobada con este Alcalde para facilitar a implantación de novas industrias e a ampliación das existentes ligadas á creación de emprego.

Execución nuns meses

José Tomé, agradeceu a Raúl Diaz-Varela a súa colaboración e o seu interés por crear esta nova planta de inxectables na terra natal de seu pai e creador do grupo INDUKERN, pedíndolle que lle traslade un afectuoso saúdo, en nome de todos os Monfortinos.

“Cando nos próximos meses Kern Pharma inicie as obras de construción da nova Planta de Inxectables, producirase un antes e un despois no tecido industrial de Monforte que afectará a toda a comarca e que vai contribuir ó crecemento do tecido industrial do Polígono que vai ter que ser ampliado a curto plazo pola demanda que xa está tendo de novas empresas e a ampliación das que xa están instaladas”, sostivo Tomé.

Neste sentido o Concello, xa ten contratado coa empresa Oficina del Planeamiento un plan parcial de modificación das normas subsidiarias de planeamento para ampliar o terreo industrial situado na marxe esquerda da nova Rúa que se construíu recentemente no Polígono xunto á gasolineira e ó mesmo tempo, estan tramitando con Suelo Empresarial del Atlántico outra ampliación na zona suroeste do Reboredo.