Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón ten un programa turístico para dar a coñecer a Ribeira Sacra guímara esta Semana Santa

Por 31 Marzo, 2023Abril 1st, 2023Sin comentarios

O Concello da Pobra do Brollón presenta o seu programa turístico para dar a coñecer a  Ribeira Sacra guímara esta Semana Santa.

Do sábado 1 ao domingo 9 de abril, ofrécense dúas visitas guiadas a elixir, que se  poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’ en diferentes puntos da  parroquia de Vilachá de Salvadur.

Visitas guiadas pola ribeira guímara 

Dentro do programa de visitas guiadas, totalmente gratuítas, ofrécese unha ao  xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a  evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra.

Foi nos Conventos, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a  primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das  terrazas vinícolas da ribeira.

A outra visita guiada é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo,  onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona.

Experiencias de viño da man de veciños 

As visitas son combinables con unha, ou dúas, experiencias vitivinícolas. As  experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de  viño.

Por un lado, coincidindo co comezo da tempada de furanchos, a experiencia do  Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Consiste nun paseo  pola aldea de Trasmonte que acaba cun viño de Pedro na súa adega-furancho.

Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con  Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en  Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas e  adentrarse nunha delas para probar o viño.

Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño, é preciso un mínimo  de 5 persoas. Para máis información e reservas, hai que contactar por chamada ou  WhatsApp no teléfono 650 624 828.

Comeza a tempada de furanchos 

O Furancho O Currio en Trasmonte repite polo momento como único furancho no  municipio da Pobra do Brollón. O período de apertura será de abril a xuño coa opción  de prórroga de xullo, polo que durante a Semana Santa xa estará aberto.

A tempada comezará cunha inauguración este venres 31 a partir das 18:00. Convidarán  aos pinchos para presentar a súa nova carta que nesta nova xeira presenta callos como  novidade principal. O propietario, Pedro Rodríguez, anima aos asistentes a levar  instrumentos e converter a inauguración nunha foliada.