Skip to main content
Quiroga

O desfile da Confraría do Viño de Quiroga terá lugar o domingo 26 de marzo

Por 8 Marzo, 2023Sin comentarios

O vindeiro 26 de marzo terá lugar o desfile da Confraría do Viño de Quiroga como antesala dos actos da da XLI Feira do Viño de Quiroga e coincidindo coa reunión anual da confraría.

O evento terá lugar ás 13.30 horas, cando os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), acompañados do Grupo de gaitas O Recanto, percorrerán a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.

Este solemne acto estará presidido polo Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez.

Tradición

Esta iniciativa forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga desde o ano 2012, ano no que se fundou a congregación que conta con 23 membros.

Ata o de agora os membros soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.

Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizarán unha asemblea anual nas instalacións do Museo Etnográfico. Sobre a mesa estará a reforma dos estatutos da confraría e a convocatoria das prazas vacantes.

O presidente da Confraría do Viño de Quiroga fai unha valoración moi positiva do cambio que deu a Feira do Viño coa introdución das adegas industriais e ve neste cambio un perfil de calidade e vocación de continuidade.