Skip to main content
Quiroga

Os establecementos xa presentaron as súas tapas para o XI concurso Quiroga de Tapas

Por 26 Marzo, 2023Marzo 27th, 2023Sin comentarios

O XI concurso Quiroga de Tapas terá lugar entre o 29 de marzo e o 7 de abril e os establecementos participantes xa presentaron as súas tapas para o concurso.

Estas son “Follas de outono”, de Adega da María; “Arepa galega”, de Chapakuña 3; “Feitizo de polbo con ouro líquido de Quiroga”, de Ruxe-Ruxe; “Empanadilla da nosa terra”, de Ferreiriño; “Xuntanza”, de A Botica; e “O capricho do Portón”, do Portón.

A novidade deste ano, como confirmou o concelleiro de xuventude, Luis Manuel Arias, encargado deste concurso, estará nos premios que poderán acadar os participantes que resulten agraciados no sorteo entre todos os participantes que completen debidamente os seus tapacartóns. O primeiro destes premios será agora de 200 euros e haberá un segundo premio de 100 euros.

A maiores destes premios en metálico haberá outros: un paseo a cabalo para dúas persoas en Hípica Os Trancos (Monforte de Lemos), unha ruta en segway ao Mirador Pena do Castelo e degustación dun viño no Mirador; degustación dun viño para dúas persoas na adega Val do Frade en Vilachá; cea para dous en Chapakuña 3; cea de carne á pedra para dúas persoas na Cervecería Chamouco, en Bóveda; cea para dous na Botica ou cestas con produtos típicos da zona: Aceiroga, Atrium Vitis, Casa de Outeiro, Deiki, EDV 2015 e Lar de Ricobao.