Skip to main content
O Incio

Un veciño do Incio está a recompilar imaxes das escolas rurais dos anos 50

Por 10 Marzo, 2023Marzo 11th, 2023Sin comentarios

Un veciño do Incio, José Luís Gallego, está levando a cabo unha recompilación de imaxes para unha investigación sobre as escolas rurais na comarca de Sarria, en concreto, no Incio.

Desta maneira, vai casa por casa preguntando aos veciños e veciñas se gardan imaxes de cando ían á escola do Incio, sobre todo nos anos 40 e 50.

Daquela, explica, os nenos e nenas vestíanse “de domingo” cando aparecía a cámara para ser fotografados coa mestra.

A través desta investigación, quere facer unha base documental sobre como eran as escolas rurais naquela época, que logo poderíase usar para unha exposición fotográfica nalgún dos museos da Rede Museística da Provincia de Lugo ou na casa dalgún Concello que estivera interesado en expoñelo.

Así, ese fondo documental podería servir, como explica Gallego, “para difundir e divulgar como era a escola da miña época e de anteriores e para que a xente nova apreciase o paso do tempo”.

Por isto, fai un chamamento aos veciños e veciñas da comarca de Sarria a que lle envíen as súas fotografías escaneadas ou se poñan en contacto con el para poder facer copias desas imaxes. Poden facelo a través do correo laiosagun@gmail.com.

Anteriormente, este veciño do Incio xa fixera unha recompilación de fotografías en 2014 de 500 fotos da aldea de Laiosa e fíxose unha exposición en papel co apoio da Deputación de Lugo a través do seu Servizo de Audiovisuais.