Skip to main content
Sarria

Conceden a licenza para demoler un bloque inacabado en Sarria

Por 9 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Sarria decidiu conceder licenza de obra para a demolición dun bloque inacabado de 48 vivendas, con sete alturas e 20 metros de fondo, na rúa Calexa, afectada polo Ben de Interese Cultural (BIC) do Camiño Francés á sociedade Inversiones Inmobiliarias Canvives SAU.

Esta demolición, na que a sociedade propietaria investirá máis de 274.000 euros, conta cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

O alcalde, Claudio Garrido, salienta que con esta demolición á rasante da rúa eliminarase “unha mancha” no Camiño Francés despois de 15 anos de “grande impacto visual”, posto que este bloque conta con sete alturas e apenas está executado nun 35%.

A orixe deste “problema urbanístico”, explican, remóntase ao 27 de decembro de 2007, cando a Xunta de Goberno Local concedera licenza de obra á sociedade Pralico S.L. para a construción dun edificio composto de soto, planta baixa, entreplanta e seis e sete plantas para un total de 68 vivendas, garaxes e trasteiros na rúa Frei Luis de Granada e na rúa Calexa.

Dito proxecto constaba de dous bloques independentes: o primeiro, con fronte á rúa Frei Luis de Granada (nº 14-18), que se atopa rematado, e o segundo, con fronte á rúa Calexa, cuxa construción quedou paralizada durante a crise, contando só coa estrutura, os cerramentos exteriores e a tabicaría interior.

Este segundo bloque, ademais, atopábase en situación ilegal, posto que dita rúa está contemplada nas normas urbanísticas cun ancho de 21 metros, mentres que actualmente ten 10 metros e non consta no concello ningún proxecto de urbanización para poder dotala do ancho contemplado na normativa.

Esta demolición negociada do bloque da rúa Calexa permitirá outorgar licenza de primeira ocupación ao bloque xa rematado de 20 vivendas na rúa Frei Luis de Granada.

Na recreación pódese apreciar como quedará o solar, con fronte á rúa Calexa, unha vez sexa derrubado o edificio.