
Cando consigan que se derruben os edificios ocupados, queren construír un parque infantil cuberto adaptado ás necesidades educativas
A Anpa do colexio Frei Luís de Granada de Sarria, que levan meses manifestando o seu malestar con respecto do estado das casas dos mestres abandonadas que ocupan a parcela da escola, xa ven a luz ao final do túnel despois de manter reunións con diferentes institucións.
O colectivo, que pide a desafectación destes inmobles, que levan desde os anos 2000 abandonados e ocupados por persoas que deixan xeringas e suciedade ao lado dun centro educativo público, sosteñen que mantiveron encontros coa Deputación de Lugo e coa Xunta de Galicia nos que ambos gobernos trasladaron o seu compromiso con esta problemática.
Desde a Anpa argumentan que teñen recompilada e rexistrada toda a documentación necesaria para que o proceso se poña en marcha despois dunha reunión que mantiveron tamén co alcalde de Sarria.
Pola súa parte, desde a Xefatura territorial explicáronlles que no momento no que o Concello de Sarria mande esa documentación, realizarán os informes necesarios para levar a cabo a desafectación, xa que o edificio é do Concello, aínda que o uso sexa da Xunta.
Un parque cuberto na zona das casas dos mestres
Feita a desafectación e o consecuente derrube destes edificios, a Anpa ten a idea de construír un parque infantil cuberto e adaptado ás necesidades educativas onde os nenos e nenas poidan desfrutar das tardes ao saír do colexio.
Para isto, piden a axuda da Consellería de Educación da Xunta e, de ser posible facelo, queren presentarlle o proxecto ao Concello e axudar “no que poidan” a pedir subvencións para levalo a cabo, a través dos fondos europeos Next Generation, por ter unha liña de inclusión e outra de transición verde.
Antecentes
A Anpa leva desde 2014 denunciando esta situación, ano no que emitiu unha orde para que comezase o proceso de desafectación, pero ata febreiro de 2022, hai un ano, o Concello non remitiu unha certificación de acordo plenario.
Despois de moita loita, este ano 2023 parece que por fin a Anpa consegue que as institucións teñan en conta as súas demandas, necesarias para mellorar unha zona vulnerable na que os nenos pasan moitas horas.